O Local de música reformula o enfoque con vocación profesionalizadora

253
  • É unha aposta pola escena musical local, guiada pola idea de que a música é tamén unha oportunidade laboral
  • Unha nova web, máis redes para facer do local un espazo de referencia e un MusicLabo, primeiras accións da nova etapa
  • A chegada de usuarios nacidos no século XXI con novos intereses está tamén detrás dos cambios

O Local de música (Local de ensaio) – con xa unha década de actividade ás costas- reformula o enfoque cunha vocación profesionalizadora. Unha aposta pola escena musical de Pontevedra e guiada polo convencemento de que a música, nun sentido amplo, é unha oportunidade laboral.

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou a nova etapa do Local de música, cuxo contrato de xestión foi adxudicado de novo a empresa Xeneme, que está ao fronte del dende o ano 2008. Ao seu carón os membros do equipo que xestionan o local de ensaio: Diego Parajó, responsábel da empresa Xeneme; Marcos Rodríguez, que leva o día a día do espazo e Pablo Trobo, que se encarga da parte técnico-musical.

Alberto Oubiña quixo subliñar o feito de que sexa unha empresa local, Xeneme, a que se fixera co concurso de xestión do local “unha pequena empresa da zona que amosa que as pequenas están perfectamente capacitadas e dispostas a gañarlle ás grandes como foi o caso, que non sempre o peixe grande come ao pequeno”

A reformulación do local de ensaio non deixa de lado o modelo de política cultural seguido en Pontevedra “onde fuximos dos grandes eventos de masas, dos eventos que chegan e se van e non aportan nada” sinalou o concelleiro de Xuventude quen lembra que “nós buscamos políticas culturais de proximidade, políticas culturais que favorezan a integración de todos os colectivos, nos que a veciñanza se sinta participe…”.  “o que temos claro é que queremos poñer á xuventude no centro do local de ensaio. Que sea referente para as xeracións novas, que veñen detrás pisando forte.. “, engadiu.

Ser un espazo de referencia entre os novos músicos; servir de nexo de unión entre os diferentes axentes musicais do Concello de Pontevedra e de fóra e que sexa un modelo de xestión e organización do traballo interno son os retos que enfrontará o reformulado local de ensaio. Para acadar estes obxectivos profundará en aspectos como:

  • poñer aos músicos e grupos noveis nos escenarios da cidade (Serán de tralla, Son da serea, nas festas da Peregrina…)
  • a formación e monitorizacion dos proxectos artísticos para mellorar a capacidade das bandas
  • profundar na integración e traballo en rede con outros proxectos municipais: Noites Abertas, Pisando forte, Ponteverán ou na Xeración sónica, que bota a andar na recta final do ano.
  • potenciación de proxectos e iniciativas lideradas por mulleres co fin de abrir camiño e espazos ás mulleres nunha industria que está moi masculinizada.

A reformulación do local de música ten tamén moito que ver coa chegada de usuarios nacidos no século XXI con novas inquedanzas e intereses. Haberá novidades, e moitas, indicou Diego Parajó quen, na presentación desta nova etapa, apuntou xa tres accións inmediatas:

  • O local na palma da man: Nova web. Amosará as novas da escea local mais tamén os usuarios/as poderán darse de alta e ter espazos persoais e facer xestións: reservas de salas, apuntarse aos cursos,…
  • Máis redes. Co fin de facer do local de ensaio un espazo de referencia sociocultural, abrirase as portas a colectivos e asociacións vencellados coa música. Contactouse xa con colectivos como Música ao vivo (MAV) ou Mulleres galegas kañeras (MGK) para que abran unha delegación.
  • Innovación e tecnoloxía.Desenvolverase o proxecto MusicLab, creando unha comunidade que experimentará coa tecnoloxía e a musica.

Polo local de música pasan cada semana máis de 200 mozos e mozas con proxectos musicais. Dende a súa posta en funcionamento, no ano 2008, prorgramáronse máis de 300 actuacións de bandas de musica en diferentes eventos e escenarios e rexistráronse preto de 500 proxectos musicais (grupos).

COMPARTIR