Bo ritmo nas obras de mellora da Xunqueira da Gándara

51
    • Estanse a colocar as pasarelas de madeira nos paseos da Xunqueira e en breve comezarán os traballos para crear un miradoiro sobre un dos espigóns dunha das pontes retiradas que atravesan a canle.
    • O alcalde visitou estes traballos acompañado do concelleiro de Parques, Alberto Oubiña, técnicos municipais e responsables da empresa.

O alcalde paseou esta mañá pola Xunqueira da Gándara (Alba), en compañía do concelleiro de Parques, Alberto Oubiña, de técnicos municipais e da empresa que está a facer os traballos de mellora que o Concello proxectou para este parque natural, punto de encontro, paseo e espazo deportivo de moitos pontevedreses.

Nestes días a empresa adxudicataria dos traballos, Naturgalia, está a acometer a reparación das pasarelas de madeira de toda a Xunqueira. De feito, o alcalde comprobou  como queda a nova pasarela de Ponte Mageiro, que aínda está pechada. Tamén se mellorou a caseta de avistamento de aves, e continuarase coa outra pasarela de madeira que conecta a Xunqueira co Camiño de Santiago, así como o adecentamento da segunda caseta de avistamento.

Nos vindeiros días comezará a creación dun miradoiro na entrada da Xunqueira de Alba, aproveitando o espigón dunha das pontes que cruzaban a canle do Rons, na primeira parte da Xunqueira. Farase na marxe esquerda; e o espigón da dereita, demolerase. Neste miradoiro substituirase a madeira, completarase e pintarase a varanda.

Xa está rematada a limpeza dos sumidoiros e da canalización de recollida de augas pluviais situada no lateral dos paseos, ao carón do Rons, para que resulten operativos, xa que até o de agora estaban cubertos por xabre. Tamén se repararon os bancos, pintáronse as fontes e o resto de mobiliario urbano. E actuouse en todos os paseos.

A intención do Concello na Xunqueira da Gándara é facer unha intervención branda, pero integral, en todo o espazo protexido (é ENIL, Espazo Natural de Interese Local) preservando as súas características naturais. Até o de agora facíanse traballos de mantemento en todo o espazo, sen facer intervencións de envergadura, precisamente, para non alterar o espazo protexido, pero é o momento de facer unha actuación máis ampla e integral para manter os elementos do entorno, algúns deles moi deteriorados.

A empresa Naturgalia realiza os trabalos por 184.735,57 euros.