Contactos coas federacións veciñais Teucro e Castelao para falar do borrador dos Orzamentos 2019

10
  • O Goberno local cumpre co compromiso adquirido o pasado ano coas organizacións veciñais de manter reunións previas á presentación do avance orzamentario
  • Manterá contactos cos grupos políticos e co CES antes da redacción final do documento

A tenente de alcalde, Carme da Silva e o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González reuníronse nestes días cos representantes das federacións de asociacións de veciños Teucro e Castelao co fin de abordar a redacción do borrador dos Orzamentos 2019, cumprindo coa palabra dada aos representantes da veciñanza o pasado ano cando lles pediron a celebración duns contactos previos á elaboración do borrador para facerlles chegar a súas inquedanzas e propostas.

Os dous primeiros encontros foron definidos como “cordiais” e “distendidos” polo concelleiro de Economía e Facenda.

No caso da Federación “houbo sintonía case absoluta”. Entre as peticións dos veciños están a continuidade do Plan de emprego; a sinalización das entradas da cidade; avanzar no transporte metropolitano, do que deron conta os concelleiros; máis estacionamentos de bordo na zona leste da cidade; renovación dos colectores do rural e máis instalacións deportivas.

No que respecta a Federación Castelao, puxéronse enriba da mesa “cousas razoables”. Segundo explicou o concelleiro Raimundo González cada un dos representantes que acudiu a xuntanza -sete, un por asociación federada- formulou propostas concretas relativas á mobilidade, saneamento, infraestruturas en parroquias concretas e mesmo cuestións que teñen que ser resoltas, ou cando menos autorizadas, por outras administracións como, por exemplo, a petición de “lombos” na N-550 ao seu paso por Cerponzóns.

O Goberno local valorará todas as propostas veciñais e decidirá cales inclúe (todas ou parte) no borrador dos orzamentos municipais para o próximo ano.

Xa co borrador rematado e seguindo a liña de manter os orzamentos participativos, o Goberno local manterá contactos cos grupos políticos e co CES antes da redacción final do borrador.

COMPARTIR