Un centenar de produtores na 3ª Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego

35
  • O Recinto feiral converterase do 10 ao 12 de novembro no epicentro da gastronomía do país
  • Chefs como Pepe Solla, Lucía Freitas, Iñaki Bretal, Héctor López, Rómulo Mendoza ou Diego López elaborarán en vivo receitas con produtos galegos
  • Durante tres días sucederanse, entre outras actvidades, presentacións de produtos, degustacións, demostracións, exhibicións e catas comentadas

O Recinto Feiral de Pontevedra converterase os vindeiros sábado 10 de novembro, domingo 11 e luns 12 no epicentro do gourmet galego coa celebración da terceira edición de Etiqueta Negra, na que participarán un centenar de expositores que destacan pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade dos seus produtos.

Con tan só tres anos de vida, Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran cada día máis o que degustan. Tamén cómpre resaltar que este ano conta cun maior espazo feiral, en concreto, o número de expositores participantes medrou un 35% máis con respecto á pasada edición.

A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías subliñou, durante a presentación de Etiqueta Negra, o carácter profesional do evento e o seu rol como elemento dinamizador da economía. Así os expositores e distribuidores manterán intercambios comerciais no Punto de Encontro Profesional no que está previsto que se celebren máis de 300 reunións de traballo. Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, e 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais.

Anabel Gulías presentou a terceira edición de Etiqueta Negra na Casa da Luz. Ao seu carón: Eva Villaverde, deputada delegada da Estación Fitopatolóxica do Areeiro; Gonzalo Pita, delegado da Mancomunidade de Turismo do Salnés; Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza e o chef estrela Michelín Pepe Solla

Produtos e showcookings

Nos diferentes stands poderanse atopar exquisiteces tales como viños, licores, vermús, cervexas, refrescos 100% naturais, cafés, infusións, marmelada, galletas, tortas, doces, xeados, produtos de quinta gama, aceites, queixos, patés, carnes, angulas, lamprea, congro seco, caracois, embutidos, xamóns, conservas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas e un sen fin de delicias que farán gozar ao padal.

De novo, elaborando receitas con sabor auténtico a Galicia, con produtos galegos de alta calidade, sinónimos de tradición e autenticidade, pero ao tempo contemporáneos e innovadores, no Anfiteatro Mahou estarán prestixiosos chefs como o estrela Michelín Pepe Solla (Casa Solla), Lucía Freitas (A Tafona), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), Héctor López (Restaurante España), o chef mexicano Rómulo Mendoza (Roldán 37), Diego López (La Molinera) –co patrocinio do Concello de Lalín–, Rubén González (El Cafetín de la Alameda), Ketty Fresneda, finalista de Masterchef 6, e Benigno Campos, presentador e cociñeiro do programa Larpeiros.

Os centros de formación de hostalería estarán tamén presentes nesta nova edición. Deste xeito, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra amosará os Produtos de sempre na nova pastelaría a partir de diferentes produtos dos expositores de Etiqueta Negra. As creacións que presentará foron deseñadas e elaboradas polo alumnado de 1º e 2º curso do ciclo medio de Panadaría, repostaría e confeitaría baixo a coordinación dos profesores Manuel Patiño e Carlos Rodríguez. A continuación, o alumnado do Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés X fará o propio no showcooking Cociñas do Salnés, grazas ao patrocinio da Mancomunidade do Salnés. Ambas as dúas degustacións terán unha capacidade limitada a 100 persoas e desenvolveranse o luns pola mañá.

Talleres de formación

Como novidade, o Espazo Etiqueta acollerá este ano varias actividades de formación dirixidas ao público xeral e a profesionais do sector. A participación nestes talleres ten un prezo de 12 euros e require inscrición e pago previos.

Así, celebraranse un curso de iniciación sobre o aceite de oliva con degustación guiada promovido por Galeo e dous talleres de cociña mexicana impartidos polo chef mexicano Rómulo Mendoza. Da man do barista e tostador profesional Gonzalo Rodríguez (Club del Café) aprenderemos a preparar e a distinguir un bo café ou a introducirnos no mundo do barista. O blogger e community manager Alberto Ribas ensinará a difundir as creacións culinarias nas redes sociais no taller Do prato á Rede, mentres que Daniel Punzoni, profesor do CIFP Carlos Oroza, amosará diferentes técnicas de empratado a partir de tres produtos: congro afumado, lombo baixo e xeado.

O programa deste espazo tamén abrangue outras actividades gratuítas como presentacións de produtos, maridaxes e degustacións, unha masterclass de corte de xamón, así como unha Gastroexperiencia Mahou con Rafa Centeno (Restaurante Maruja Limón) e Beltrán Vázquez (Brand ambassador de Mahou-San Miguel).

Ademais, o luns 12, ás 10.00 h (antes de apertura da feira), realizarase un almorzo informativo dirixido aos produtores pero aberto tamén ao público interesado en saber máis sobre a exportación e os servizos do ICEX para a internacionalización das PEMES galegas.

Zona de catas e viñoteca

A Zona de Catas contará cunha intensa programación continuada que comezará ás 11.30 h e se desenvolverá en quendas de 30 minutos de duración. Os expositores amosarán neste espazo a versatilidade e as bondades dos seus produtos, as súas particularidades, os métodos de elaboración, sabores e aromas máis sutís… Estrearase, ademais, un novo espazo, a Viñoteca, para a degustación de diferentes bebidas.

A Deputación de Pontevedra volverá a instalar a súa Tetería para coñecer os distintos tipos de té que se producen no noso país. Pero nesta ocasión o té non estará só chegará en comandita con outros produtos que, de seguro, sorprenderán ao público. As cinco sesións de EN_PARELLA té. Descubre o té galego en duetos realizaranse o sábado ás 18.00 h, e o domingo e o luns ás 12.00 e ás 18.00 h.

A participación nestas actividades é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos, xa que as prazas son limitadas.

Horario

Etiqueta Negra permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e domingo de 11.00 a 21.00 horas e o luns ata as 20.00 horas. Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, na feira do gourmet galego haberá unha Zona de Comida e foodtrucks con interesantes propostas.

Organizada polo Concello de Pontevedra, esta feira profesional conta co patrocinio principal de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, así como da Deputación de Pontevedra e da Mancomunidade do Salnés. Tamén colaboran nesta terceira edición a empresa de deseño e fabricación de mobiliario gourmet Tawi, Gadis, o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Froiz, Galeo e El Mono con Sombrero.

Todas as actividades e o seu horario de celebración poden consultarse na web etiquetanegragourmet.com

Programa_Etiqueta_Negra_2018

COMPARTIR