Comeza a colocación dos novos colectores de envases na cidade

109

    • Os novos contentores de vidro (verdes) están colocados ao 60%, e nas vindeiras semanas simultanearanse coa instalación dos amarelos.

A Concellaría de xestión dos Residuos Urbanos (RSU) continúa esta semana coa renovación das illas de reciclaxe en todo o concello. O pasado 19 outubro, a concelleira Carme da Silva, responsable do servizo, anunciaba a retirada dos colectores de vidro (verdes) da cidade para substituílos por novos; e esta mesma noite comeza o despregue para retirar os colectores amarelos (de envases), e colocar os novos que serán de recollida lateral (similares a os colectores verdes de orgánica).

A empresa concesionaria da retirada do lixo comezará esta noite colocando os novos colectores de envases pola ruta Benito Corbal – Loureiro Crespo – Cobián Roffignac – Avenida do Uruguai – Avenida de Bos Aires.

Até o de agora están colocados o 60% dos colectores de vidro na cidade, e nas vindeiras semanas simultanearase coa colocación dos novos contentores amarelos.

Paralelamente, o Concello xa traballa en definir onde se instalarán as novas illas do rural. Está tomada a decisión de empezar a implantar estas illas polas parroquias da marxe esquerda do río: Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo, Lourizán, Ponte Sampaio e Canicouva. De feito, en algunhas parroquias como Bora xa se colocaron algúns colectores nas illas existentes.

Cabe lembrar que na zona urbana as illas de reciclaxe pasarán de 263 a 270; e no rural multiplicaranse pasando de 50 a 175.

A empresa tratará de colocar de madrugada estes colectores porque resultará máis fácil o despregue, pero nalgúns casos tamén o fará de día, polo que a concelleira Carme da Silva pide a colaboración e comprensión dos pontevedreses polos inconvenientes que poidan ocasionar estes labores.

COMPARTIR