O Concello reformará Loureiro Crespo cun investimento de 2 millóns de euros

553
    • O ámbito de traballo será dende a rotonda da avenida de Lugo até a praza do Hospital. Será unha actuación de 625 metros lineais.
    • Manterá os estándares de calidade do resto do  modelo de cidade.
    • As melloras do proxecto, aínda por rematar, incluirán o tratamento do barrio do Castañal.

O Concello de Pontevedra dispón dende hoxe o proxecto de reforma integral da rúa Loureiro Crespo, dende a rotonda da avenida de Lugo até o entronque coa actual praza do Hospital. Unha actuación de 625 metros lineais que terá un custe de 1.937.257,55 euros. O proxecto, encargado e dirixido polo departamento de arquitectura municipal ao despacho Rodríguez e Rivoira, segue as premisas do modelo Pontevedra: preferencia peonil, calidade urbana, seguranza viaria, convivencia no espazo público e cidade multifuncional.

Tamén se lle pediu ao despacho que para a redacción do proxecto se fixasen nos espazos xa reformados, adoptando solucións construtivas xa probadas noutros puntos da cidade; que tiveran moi en conta o ámbito no que se ía tratar (entre Loureiro Crespo e a nova praza do Hospital), xa que é unha zona moi compacta, cunha alta densidade de poboación e alta concentración de negocios. Tamén tiñan que ter en conta o elevado tránsito peonil.

O proxecto de reforma divide a rúa en tres zonas:

  • Dende a rotonda da praza da Zanfona até Casimiro Gómez, onde se propón un alongamento das beirarrúas (de baldosa e granito) e un estreitamento do carril. O estacionamento, tamén en formigón, colocarase á dereita, e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada. Renóvase a iluminación, o mobiliario e todos os servizos.

Como novidade, en todas as rúas transversais á Loureiro Crespo, darase continuidade á beirarrúa (non se levantará o asfalto) dando unha resposta real á preferencia peonil.

Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto.

  • De Casimiro Gómez a Antón Fraguas. Neste ámbito farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordillo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa “vulcano”, a mesma que a da praza do Hospital. Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis, e á dereita o de servizos. Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos, e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa.

Nos extremos deste ámbitos, Casimiro Gómez e Antón Fraguas crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con 3 e 2 bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto.

  • De Antón Fraguas á praza do Hospital. Consistirá no alongamento da praza do Hospital, coa instalación de dúas bandas laterais de lousa “vulcano” e unha parte central de formigón negro en plataforma única, xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial. Plantarase arborado ao igual que no resto da praza do hospital (Quercus) e tamén se instalará máis mobiliario urbano.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez explicou que se trata dun proxecto “extraordinario”, que adapta o modelo Pontevedra a un espazo moi duro construído entre os anos 60 e 80 e convérteo nun espazo de altísima calidade urbana. Utilízanse solucións construtivas xa testadas noutros ámbitos, pero con un carácter propio do barrio, incorporando as últimas solucións teóricas do modelo Pontevedra.

Aínda que o proxecto está rematado e podería entrar en contratación en breve, o concelleiro adiantou que este é o momento da participación. Está previsto que se leve á comisión de mobilidade na semana do 19 de novembro, e ese mesmo día está prevista unha reunión coas directivas das asociacións de veciños da Parda e A Eiriña, no Centro social Leste. Tamén está pendente de programar reunións cos empresarios e comercios da zona, cos taxistas e, finalmente, unha asemblea veciñal.

Están por definir as melloras da obra, que rondarán os 200.000 euros (algo máis do 10% do valor do proxecto) que se inverterán no barrio do Castañal, a seguinte peza a tratar no modelo de cidade.