Discurso con motivo da homenaxe aos pontevedreses fusilados o 12 de novembro de 1936 por defender os valores republicanos e democráticos, e os dereitos de Galicia

9

Saúdos a representantes institucionais (concelleiras e concelleiros, subdelegada do goberno, deputadas e deputados), representantes veciñais, familias…

Hoxe, 12 de novembro, é o Día da Memoria Histórica en Pontevedra

Unha data de orgullo, de dignidade colectiva na que honramos a vida chea de luz e de grandeza de dez pontevedreses que fai hoxe 82 anos foron asesinados na Caeira

Os médicos AMANCIO CAAMAÑO CIMADEVILA, TELMO BERNÁRDEZ SANTOMÉ e LUIS POZA PASTRANA

Os mestres PAULO NOVÁS SOUTO, GERMÁN ADRIO MAÑÁ e BENIGNO REY PAVÓN

O editor RAMIRO PAZ CARVAJAL

O avogado JOSÉ ADRIO BARREIRO

O xornalista VICTOR CASAS REY

E o capitán JUAN RICO GONZÁLEZ

E con eles honramos as súas familias perseguidas, as mulleres que quedaron para lembrar e para loitar contra a exclusión, contra o medo e contra o esquecemento.

E a todas as vítimas do franquismo

Lembramos con orgullo aquela primavera republicana e galeguista, o país esperanzado e moderno que simbolizaba Alexandre Bóveda, a sociedade máis igualitaria que construían as novas xeracións de mestras e mestres, que arelaban os dirixentes políticos e os cargos públicos.

E sobre todo lembramos con orgullo a Galiza e a Pontevedra das labregas e dos canteiros, a dos sindicalistas e dirixentes agrarios, a dos dos nomes silenciados durante décadas.

A dos homes e mulleres humildes que colectivamente estamos sacando do anonimato, dos tobos da historia, das gavias escuras, da foxa común do esquecemento. Das tumbas nas que durante demasiado tempo estiveron prohibidas  as flores e as bágoas.

E neste día queremos lembrar con especial agarimo e gratitude a todas as persoas que na noite cruel da Ditadura e nas décadas posteriores de silencio e esquecemento, nos tempos máis adversos, mantiveron aceso, con firmeza e con teimosía, o facho da memoria; que transmitiron o relato da verdade oculta baixo as lousas do relato oficial; que construiron espazos de acougo para as vítimas e para as súas familias;  e que loitaron, incansábeis ao desalento, polo recoñecemento e pola reparación das súas vidas e dos seus nomes exemplares.

Entre todas estas persoas refulxe o nome de Chalo Adrio, compañeiro de corporación, militante socialista, abogado humilde e comprometido coas causas xustas. E especialmente coa causa das vítimas do franquismo e coa loita das súas familias para conseguir unha mínima reparación por todo a dor e o dano sufrido, como escoitamos hoxe nos relatos de Enriqueta Otero Molas, de María Lores e da súa filla Marica Adrio.

El foi un dos principais impulsores da celebración desta data, do nome que leva esta rúa e do monumento que preside este espazo.

Diciamos ao comezo que hoxe é unha xornada de recoñecemento e gratitude. De respecto e dignidade. O respecto e a dignidade que encarnan persoas como Gonzalo Adrio.

Como Amancio Caamaño fillo

Como Isidro Paz, Cané

Como Tino Poza

A quen sempre levaremos no corazón e na lembranza porque foron capitáns valentes da causa do 12 de novembro, que é a causa da xustiza, da verdade e da reparación ainda pendentes para todas as vítimas e as súas familias.

Por iso son tan necesarios actos como o de hoxe:

Para reconstruir, para devolver, para conquistar, para gañar o combate pola verdade.

E para seguir avanzando na loita contra o esquecemento e a impunidade

Para reclamar políticas da memoria que ainda seguen adiadas en Galiza e no estado

Para esixir unha lei de memoria histórica na que a prudencia non impida facer xustiza, na que o mantra dunha falsa reconciliación imposta baixo o terror oculte a necesidade de saber a verdade e cumprir co mandato universal da xustiza e a reparación.

Para anular as sentenzas inxustas e os expedientes infames con que os militares golpistas condenaron a miles de homes e mulleres que cometeron o “delito” de ser fieis á causa da democracia e da liberdade.

Para acabar co franquismo que está enterrado baixo a Cruz en Cuelgamuros e tamén co que segue vivo en Meirás, nos titulos nobiliarios e en fundacións que fan apoloxía do xenocidio e glorifican o Ditador.

Para rematar coa vergoña de miles de vítimas do terror franquista que seguen esquecidas en foxas anónimas, agardando que o goberno do estado e a Xunta de Galiza impulsen programas públicos para acabar con esta ignominia.

A da memoria non pode ser unha política efectista ou superflua.

Ainda que sexa incómoda, ten que ser unha pioridade, un programa de actuación valente, decidido e audaz

Porque sabemos que non se pode construir o futuro dun concello, non se pode erguer un país sobre o esquecemento, sobre a ocultación do pasado. Sobre a derrota da humanidade e da democracia. Non se pode erguer nada novo sobre a ruína moral, sobre o ermo ético, sobre o sometemento, sobre o olvido.

E precisamos as leccións de vida e de dignidade que nos deron as persoas que lembramos hoxe. Precisámolas máis ca nunca nestes tempos en que a prolongada sombra do fascismo percorre de novo Europa e o mundo.

Quixera rematar a miña intervención, nesta data e neste lugar cheo de simbolismo, con un berro que penso que nos move a todas as persoas de ben:
Nunca máis o terror, o odio, o fanatismo fascista e franquista

Nunca máis o silencio e o esquecemento que tamén son unha forma de matar

Nunca máis a mentira, a ocultación e a censura. Que tamén son unha forma ruín e cobarde de borrar da historia.

Para sempre con nós o exemplo de luz, de dignidade e de compromiso dos homes e mulleres que deron o mellor de si mesmos, ata a vida, por defenderen a democracia, a liberdade e os dereitos de Galiza.

Moitas grazas!