Comeza a licitación da rúa Lepanto

68
    • Sae a contratación por valor de algo máis de 256.000 euros.
    • Está previsto instalar plataforma única, cunha zona de descanso na cabeceira da rúa Benito Corbal, onde se instalarán bancos e arborado.

O Concello de Pontevedra aprobou esta semana a contratación da reforma da rúa Lepanto por valor de 256.505 euros. O concelleiro responsable do departamento de Contratación, Raimundo González, informou esta mañá que con esta aprobación ábrese a licitación e as empresas interesadas terán un prazo de 20 días naturais para presentar as súas propostas; e unha vez asinado o contrato, terán un prazo de catro meses para rematar a reforma.

En esencia, o proxecto consiste na creación dunha plataforma única, con pavimento de lastro confinado en bandas de formigón e remata cunha zona de estancia con árbores  e bancos na cabeceira que toca coa rúa Benito Corbal.

Tan importante como a actuación en superficie, que vai a converter a rúa nun espazo de preferencia peonil e con estacionamento de servizos, vai a ser a renovación dos servizos soterrados de saneamento, acometidas de auga, separación de augas pluviais e fecais.

Entre as melloras do proxecto está a renovación de toda a iluminación coa recuperación de 8 luminarias cun modelo diferente ao actual, e a pavimentación do cruzamento entre as rúas Lepanto con San Antoniño.

Raimundo González indicou que ao comezar agora os trámites, o proxecto poderá estar adxudicado no mes de decembro, e a rúa poderá estar en obras en xaneiro. Tamén explicou que esta obra poderase simultanear coa actuación prevista en Benito Corbal, e así causar menos inconvenientes para os veciños.

O deseño definitivo da rúa Lepanto recolle as valoracións e suxestións feitas pola veciñanza. “De feito o deseño da zona de estancia que nos propuxeramos contaba con algunhas prazas de estacionamento e son eles os que piden que a vía quede para tráfico de residentes e servizos”, citou no seu día o concelleiro de obras, Demetrio Gómez.