Pontevedra rende homenaxe aos fusilados o 12-N, de xustiza

12
  • Este ano foi tamén un acto de lembranza, recoñecemento e gratitude a Gonzalo Adrio

O monolito que lembra aos fusilados o 12 de novembro de 1936 na Caeira acolleu un ano máis o acto de homenaxe aos dez pontevedreses aos que lle arrebataron a vida por defenderen a democracia, a República e os dereitos de Galicia.

Este ano foi un acto tamén de lembranza, recoñecemento e gratitude a Gonzalo Adrio, unha persoa que fixo moito pola memoria histórica en Pontevedra e que está no corazón de moitas familias polo seu bo facer sen pedir nada a cambio. Hoxe as palabras de cariño tamén foron para el, que fai un meses nos abandonou.

O avogado José Adrio Barreiro, o mestre Germán Adrio Mañá, o médico Telmo Bernárdez Santomé, o médico Amancio Caamaño Cimadevila, o xornalista Víctor Casas Rey, o mestre Paulo Novás Souto, o impresor Ramiro Paz Carvajal, o médico Luís Poza Pastrana, o mestre Benigno Rey Pavón e o capitán da garda de asalto Juan Rico González foron condenados por defender a legalidade democrática, foron sometidos a xuízo sumarísimo e condenados a morte por rebelión militar. Logo duns días de anguria e incerteza, foron fusilados na Caeira diante do mesmo piñeiro no que o 17 de agosto fora asasinado Alexandre Bóveda, acusado do mesmo delito de rebelión.

O concelleiro de Memoria Histórica, Luís Bará, leu a última carta de Victor Casas e reclamou xustiza e reparación despois de 82 anos e lembrou que aínda que facer memoria doe ten un beneficio terapéutico. Logo dos anos nos que non se podía chorar, nos que non se podían poñer flores nunha tumba, nos que había que gardar silencio, agora é momento de encher as cidades de nomes e marcar datas nos calendarios.

María Lores, neta de Isolina Villaverde e do asasinado Aurelio Torres, lembrou que Gonzalo Adrio tramitou á súa avoa os papeis para cobrar unha pequena pensión cando case tiña 80 anos “porque lle parecía un acto de xustiza. Non aceptou cobrar e fixo todos os trámites cos maiores dos respectos”. E rematou cunha frase da súa avoa: “Gonzalo Adro é un home de lei”.

Queta Molas, da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, lembrou de Gonzalo que sempre lles amosou o seu apoio e sabedoría e que os acompañou coas súas palabras nos actos que fixeron en Marín.

Pola súa banda, Marica Adrio, filla de Gonzalo, lembrou que o seu pai facía memoria para “recordar” aqueles tempos de traxedia e evitar que volvesen suceder. “Lo único que pidió a todas las personas a las que ayudó a tramitar ayudas fue una foto”.

Pola súa banda, Luís Bará subliñou que houbo tres persoas que formaron unha especie de xurado para andar o camiño da memoria en Pontevedra. Foron Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa e Gonzalo Adrio.

O acto rematou coa intervención do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que lembrou “con orgullo aquela primavera republicana e galeguista, o país esperanzado e moderno que simbolizaba Alexandre Bóveda, a sociedade máis igualitaria que construían as novas xeracións de mestras e mestres, que arelaban os dirixentes políticos e os cargos públicos. E sobre todo lembramos con orgullo a Galiza e a Pontevedra das labregas e dos canteiros, a dos sindicalistas e dirixentes agrarios, a dos dos nomes silenciados durante décadas”.

E neste día quixo “lembrar con especial agarimo e gratitude a todas as persoas que na noite cruel da Ditadura e nas décadas posteriores de silencio e esquecemento, nos tempos máis adversos, mantiveron aceso, con firmeza e con teimosía, o facho da memoria; que transmitiron o relato da verdade oculta baixo as lousas do relato oficial; que construíron espazos de acougo para as vítimas e para as súas familias; e que loitaron, incansábeis ao desalento, polo recoñecemento e pola reparación das súas vidas e dos seus nomes exemplares”.

Discurso Lores 12-N        Díptico 12-Npdf