“Urbtopías”: punto de encontro, debate e reflexión sobre o futuro das cidades

80

 

  • O foro terá lugar os días 22 e 29 de novembro e os días 11, 13 e 20 de decembro no Sexto Edificio do Museo
  • Personalidades como Joan Clos, Lidia Blanco, Fernando Nebot, Oihane Ruiz ou Joan Busquets participarán nos diálogos e encontros programados

En Pontevedra queremos ser punto de encontro, debate e reflexión sobre o futuro das cidades, “sobre o lugar onde queremos chegar” indicou o alcalde Miguel Fernández Lores durante a presentación de “Urbtopías, as cidades posibles” o foro que terá lugar no Sexto Edificio do Museo os vindeiros días 22 e 29 de novembro e os días 11, 13 e 20 de decembro. Na presentación estivo acompañado pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.

Diálogos e encontros porán enriba da mesa distintos aspectos vencellados ao camiño que percorren e o que teñen por diante. “Levamos 20 anos de proceso de transformación da cidade, o que puxo a Pontevedra no mapa do mundo” lembrou o alcalde. Estamos no momento oportuno para seren anfitrións dun foro como “Urbtopías”: o debate sobre o futuro das cidades está á orde do día e “queremos formular un diálogo aberto sobre o futuro das cidades, sobre os espazos urbano, temos interese en que a xente se achegue, faga suxestións, cuestione…” e pense no futuro.

Á Boa Vila reunirá a personalidades de talla internacional do mundo do urbanismo, do deseño urbano, do xornalismo… para falar de “Urbtopías, as cidades posibles”. A construción dunha Urbtopía significa soñar, máis tamén arriscar, aceptar os desafíos, concretar e marcar o rumbo que a faga realidade.

As cinco citas de Urbtopías: (toda a información en www.urbtopías.com )

  • Transformación urbanas e calidade de vida. 22 de novembro, ás 19.00 horas

Diálogo entre Joan Clos, ex-Director executivo de ONU-Hábitat e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, sobre a influencia do espazo urbano no benestar das persoas. Encontro moderado pola xornalista Elisa Beni.

  • A cultura como motor das cidades. 29 de novembro, ás 19.00 horas

Diálogo entre Lidia Blanco, especialista en xestión cultural en América Latina, Vicente Granados, Director do Plan estratéxico de Málaga, Telmo Faria, ex-Alcalde de Óbidos e director do Festival literario Folio e Lola Dopico, directora de Estudos en Deseño téxtil e moda da Universidade de Vigo, sobre o poder da cultura para facer cidades máis prósperas e sostibles fomentando unha cidadanía formada, crítica e consciente. Encontro moderado polo xornalista Ramón Rozas.

  • Pontevedra, a cidade que ven. 11 de decembro, ás 19.00 horas

Diálogo entre César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra e Fernando Nebot, enxeñeiro e redactor de numerosos Plans de Mobilidade e Accesibilidade Urbana para distintas cidades sobre as claves e conceptos que levaron a Pontevedra a converterse nunha cidade de referencia polo seu modelo urbano. Encontro moderado pola xornalista Fernanda Tabarés.

  • Transformacións urbanas con perspectiva de xénero. 13 de decembro, ás 20.00 horas

Diálogo entre Blanca Valdivia e Marta Fonseca da cooperativa de arquitectas, sociólogas e urbanistas feministas Punt 6; Oihane Ruiz, arquitecta especializada en Urbanismo e Teoría Feminista e Carme da Silva, tenente de Alcalde de Pontevedra, sobre o espazo público desde unha perspectiva feminista para planificar e facer cidades máis amables e seguras para as mulleres. Encontro moderado pola xornalista Susana Pedreira.

  • Os valores da cidade. 20 de decembro, ás 19.00 horas

Conferencia de Joan Busquets, Arquitecto Urbanista, catedrático da Urban Planning and Design da Graduate School of Design da Universidade de Harvard (EE.UU.) e diálogo posterior con Anabel Gulías, politóloga e concelleira de Urbanismo, Centro Histórico e Promoción da Cidade do Concello de Pontevedra.