“Se é un maltratador nunca é un bo pai”, eixo do 25-N

41
  • Dúas grandes lonas na fachada da Casa Consistorial e un circuíto de mupis visibilizará un berro: afastar aos menores dun pai maltratador
  • Fouces: “Todas podemos ser vítimas, todas temos que estar xuntas nesta pelexa e tamén os homes de ben”

Se é un maltratador nunca é un bo pai. Este ano o Concello de Pontevedra pon o foco da campaña municipal do 25-N (Día Internacional da non violencia contra as mulleres) nos menores, fillas e fillos das vítimas da violencia machista e a súa obrigada relación co pai maltratador, unha realidade “moi invisibilizada” e con consecuencias no presente e no futuro que como sociedade non nos podermos permitir. “Temos que actuar. Temos que evitalo. Empezamos por falar disto?”

O despregue ao mediodía de hoxe de dúas lonas na fachada da Casa Consistorial marcou o arranque da campaña gráfica que se deixará ver en todo o concello a través dun circuíto de mupis distribuídos pola Boa Vila. No balcón estiveron ediles de todos os grupos municipais da Corporación co alcalde Miguel Fernández Lores ao fronte.

“Debemos poñer o foco aí, reivindicar que non nos podermos permitir que haxa menores criados e atendidos por homes maltratadores” sinala a concelleira de Igualdade, Carme Fouces quen considera que “é unha responsabilidade de todo o mundo lanzar un berro como o que pretendemos lanzar hoxe con esta campaña gráfica, denunciar e interpelar aos poderes públicos -e a todos os que teñan responsabilidade ao respecto- para que entendan que non é posible, que un maltratador poda chegar a ser un bo pai”.

“Unha persoa que atenta contra a nai, contra a súa parella ou que planifica atentar contra ela nunca poderá ser un bo pai. Os valores que lle poda transmitir ao menor, van a ser uns valores baseados na violencia” engade a concelleira Fouces.

O importante é que os nenos e nenas saian do circuíto da violencia e co fin de avanzar neste percorrido, a campaña do 25-N reivindica que igual que hai ordes de afastamento para mulleres vítimas da violencia machista, ten que habelas para os nenos e nenas. “Aos menores se lles utiliza como ferramenta contra as vítimas (as nais) o en si mesmos ao recibir e ser transmisores de valores violentos” apunta a concelleira de Igualdade, quen lembra que “de feito os maltratadores de hoxe foron os menores que no seu día foron criados polos maltratadores de onte, e mañá vamos a ter outra remesa de persoas que lamentablemente van a estar vendo como referentes este tipo de actitudes”.

“Todas podemos ser vítimas, todas temos que sentirnos agredidas e temos que estar xuntas nesta pelexa” conclúe Carme Fouces quen tamén fai un chamamento “aos homes de ben para que se sumen a loita contra o machismo. “Os homes de ben teñen que dar un paso adiante e colocar a estas persoas (aos maltratadores) en situacións incómodas e non pasarlles absolutamente ningunha”.

A estrea teatral de Invisibles, a exposición fotográfica Namórate de ti -aberta na Casa da Luz até o 25 de novembro- foron os primeiros pasos da campaña deseñada pola Concellería de Igualdade, que agora visibilízase na rúa e a que lle queda un fito en carteira: a presentación do informe #PrimAcoso, relatos das primeiras experiencias da violencia nas vidas das mulleres, coordinado pola profesora universitaria e investigadora, María Lameiras e que é froito da campaña nas redes #PrimAcoso de hai dous anos

COMPARTIR