Concello e veciños acordan estudar que as melloras de Loureiro Crespo se invistan na reforma de Ernesto Caballero

77
    • Demetrio Gómez mantén esta noite unha reunión cos comerciantes de Benito Corbal para abordar o plan de obra.
    • O Concello está en disposición de iniciar os traballos o vindeiro luns, pero estudará cos establecementos a posibilidade de atrasalos para despois de Reis.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez mantivo onte unha reunión coas directivas das asociacións de veciños da Eiriña e de Pedra do Lagarto para presentarlles o proxecto de reforma da rúa Loureiro Crespo. Ademais de facer distintas achegas ao proxecto, abordaron a posibilidade de que as melloras da rúa se empreguen para reformar a rúa Ernesto Caballero.

Demetrio Gómez explicou que os veciños se interesaron porque se fixera fincapé na execución da obra; que o formigón dos estacionamentos fose un pouco máis escuro do que se emprega habitualmente; ou preguntaron por bancos, papeleiras, farois…

Un dos puntos máis importantes da reunión foi decidir en que empregar as melloras do proxecto, que aínda están por decidir e están valoradas nuns 200.000 euros. O acordo inicial ao que se chegou foi estudar a posibilidade de que se invistan na reforma da rúa Ernesto Caballero, pero tamén se estude a posibilidade de intervir -en futuras ocasións- nas rúas Forcarei, Casimiro Gómez ou Amor Ruibal, esta última cunha complexidade técnica importante.

Nas vindeiras semanas o concelleiro convocará unha asemblea veciñal para presentar o proxecto incorporando as propostas feitas polas directivas.

Reunión cos comerciantes de Benito Corbal

Esta mesma noite, ás 21.00 horas na Casa da Luz, Demetrio Gómez manterá unha reunión cos comerciantes da rúa Benito Corbal (entre Cobián Areal e Sagasta) para abordar o plan de obra da rúa. O Concello está en disposición de iniciar as obras o vindeiro luns, pero o concelleiro quere estudar distintas opcións dado que se trata dun espazo de grande dinamismo empresarial e comercial.

De iniciar as obras o vindeiro luns, habería que suspendelas na ponte da Constitución, continuar traballando outras dúas semanas, e volver parar a obra tres semanas con motivo do Nadal, até despois de Reis. O Concello, polo tanto, é máis partidario de iniciar a reforma despois do inicio das rebaixas de xaneiro e darlle continuidade á obra que terá unha duración duns tres meses e medio. Durante este tempo, será necesario pechar a rúa ao tráfico de paso, aínda que se autorizarán os servizos, a carga e descarga e as entradas e saídas aos garaxes.