O Concello reformará a rúa Rouco por máis de 200.000 euros

30

    • Propón unha reforma que mellora a mobilidade peonil na zona, especialmente no ámbito do colexio, onde se crea unha beirarrúa de 5 metros de ancho e redúcese unha liña de estacionamentos que pasa a ser de servizos.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a licitación da reforma da rúa do Rouco situada entre a praza de Barcelos e Cobián Roffignac por un importe de 226.967,98 euros e un prazo de execución de catro meses.

O obxecto do proxecto é ampliar os espazos destinados á mobilidade peonil, redistribuír os espazos no ámbito urbano comprendido nos arredores do colexio, eliminar barreiras arquitectónicas e renovar as redes de pluviais e de sumidoiros que se atopan ao límite da súa vida útil. De feito, a rede de sumidoiros e de pluviais está en tubaxe de gres de 250 mm e de 300 mm, respectivamente, un material que non se emprega dende fai moitos anos nas reformas urbanas. Polo tanto, a nova liña de servizos será de PVC de 315 mm no caso do sumidoiros, e de 400 mm no caso das pluviais.

Coa reordenación da rúa, mantense unha liña de estacionamento en formigón na marxe dereita para servizos e para colocar os colectores de lixo. Esta beirarrúa terá un ancho de 3 metros; e no lateral esquerdo (no do colexio) a beirarrúa increméntase até os 5 metros.

A calzada será repavimentada e a beirarrúa crearase con lousa confinada entre bandas de granito.

O proxecto tamén contempla mobiliario urbano como 5 papeleiras, 7 bancos, 10 aparca-bicis, así como incrementar a iluminación pública co número de farois existentes.