A reforma de Benito Corbal, aprazada até o 14 de xaneiro

32

O Concello de Pontevedra deixará para despois de Reis o inicio da reforma da rúa Benito Corbal, que se fará a partir do 14 de xaneiro. Así o acordaron onte o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez e os comerciantes da rúa que asistiron á reunión convocada na Casa da Luz.

O concelleiro xa tiña adiantado que o Concello estaba en disposición de iniciar as obras o vindeiro luns, pero de inicialas nesa data, habería que suspendelas na ponte da Constitución, continuar traballando outras dúas semanas, e volver parar tres semanas despois con motivo do Nadal, até despois de Reis. Polo que o Concello era partidario de deixalas para despois de Reis.

A obra terá unha duración de tres meses e medio co peche de toda a rúa para o tráfico de paso, aínda que se respectarán os accesos de servizos, garaxes…

A empresa E.C.Casas será a encargada de realizar estes traballos por valor de 147.587,89 euros, que consisten en confinar o vehículo privado a un carril, ampliando as beirarrúas a catro metros de ancho, e deixando a franxa de estacionamentos na marxe dereita, seguindo o sentido de circulación.

As obras comezarán pola beirarrúa da esquerda, en dirección Cobián Areal-Sagasta, levantando as prazas de estacionamento e ampliando a beirarrúa.

Entre as melloras que ofertou a empresa para este proxecto están 4 farois, 6 papeleiras, 6 bancos e 10 aparcabicis. O prazo de execución é de 4 meses.

COMPARTIR