O Concello informará dos novos proxectos de saneamento no rural en asembleas veciñais

30

    • A primeira foi en Verducido. Ao encontro asistiron máis de 100 veciños. O investimento nesta parroquia será de 4,7 millóns.
    • As reunións continuarán por Campañó, Xeve, Alba, Cerponzóns, Bora e Lourizán.

O Concello de Pontevedra continuará nas vindeiras semanas coas asembleas nas parroquias do rural nas que está previsto iniciar proxectos de saneamento no vindeiro ano. A primeira foi a pasada semana na parroquia de Verducido onde está programado un investimento de 4.787.862,55 euros.

O concelleiro responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González explicou esta mañá que foi unha asemblea moi numerosa, á que asistiron uns 130 veciños. No encontro amosóuselles o borrador dos proxectos de toda a rede de saneamento da parroquia e recolléronse as suxestións dos asistentes.

A maior parte da obra está proxectada por vías públicas, camiños de servidume ou polos accesos ás propiedades, “por iso era mellor presentarlle o proxecto aos veciños e que eles opinen sobre estas cuestións”, explicou Raimundo González. Os asistentes non amosaron problemas a este respecto e ofreceron toda a súa colaboración para pór en marcha o saneamento da parroquia, a única do rural que non conta con ningún tramo.

A próxima reunión será na parroquia de Campañó, onde está previsto conectar Campañó de Arriba á rede de sumidoiros. O investimento sería superior aos 4,1 millóns de euros.

Os concelleiros continuarán as asembleas por Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Alba, Cerponzóns, Bora e Lourizán.