O Concello rende homenaxe á escola franquista represaliada polo franquismo

26
  • O acto terá lugar mañá mércores 28 de novembro, ás 20 horas no Teatro Principal
  • É a quinta edición desta homenaxe colectiva, que antes lembrou ao persoal do Concello e cargos públicos, ás mulleres represaliadas e resistentes, á Pontevedra agraria e obreira e á xente que teceu lazos solidarios fronte ao terror

O programa A memoria das mulleres do Concello de Pontevedra organiza o mércores 28 de novembro, ás 20 horas no Teatro Principal unha nova homenaxe ás vítimas da represión franquista na nosa cidade, nesta ocasión centrada no impulso pedagóxico da I República, no labor modernizador das escolas e do maxisterio na nosa cidade, e na cruenta represión que o levantamento fascista de xullo de 1936 levou a cabo contra este colectivo, que simbolizaba as arelas de construír unha sociedade instruída, laica, democrática, equitativa e consciente da realidade galega.

No acto que terá lugar mañá farase un percorrido polos principais avances que se produciron en Galiza e Pontevedra en materia educativa desde comezos do século XX, con especial fincapé no cambio positivo que supuxo a II República en cuestións como a creación de novas escolas, o recoñecemento e profesionalización dos ensinantes, a introdución de novos métodos pedagóxicos baseados no coñecemento científico e a experimentación, os avances en materia de igualdade e coeducación, ou o laicismo da escola.

Desde unha perspectiva local porase de relevo o papel de institucións como a Escola Normal, dirixida por Ernestina Otero, na que se formaron novas xeracións de mestres e mestras que serían duramente perseguidas e depuradas a partir de 1936. Tamén se fará referencia a iniciativas privadas como a Escuela Nueva de Hernán Poza, que instruíu a varias xeracións con métodos pedagóxicos moi avanzados.

No acto explicarase a devastación producida polo levantamento militar fascista de xullo de 36 e concretamente a represión exercida sobre o maxisterio. O mellor símbolo do ensañamento franquista coa escola republicana foi precisamente a transformación da Escola Normal en cárcere no que estiveron presos moitos mestres e mestras.

Farase tamén un percorrido por todas as formas de persecución que sufriron os ensinantes: o asasinato como consecuencia de xuízos sumarísimos ou execucións co sistema coñecido como “paseo”; o encarceramento en prisións como a Escola Normal ou o campo de concentración de San Simón; o rapado do cabelo no caso das mulleres; a expulsión da profesión mediante expediente de depuración; as multas derivadas de expedientes de responsabilidades políticas; o traslado a unha escola situada nun lugar afastado e illado, ás veces fóra de Galiza; a condena ao ostracismo e á exclusión social, ou a fuxida ao exilio para evitar unha morte segura.

Na homenaxe lembraranse figuras de mestres asasinados como Gernán Adrio Mañá, José Meis, Eduardo Muíños Búa, Benigno Rey Pavón, Alfonso Rodríguez Méndez ou Gonzalo Martín March. Mestras asasinadas como Mercedes Romero Abella e María Vázquez Suárez. Mestras rapadas, encarceradas e depuradas como Fina e Tucha Dios. Presas e expedientadas como Peregrina Martínez Santos. Expedientadas e desterradas como Ernestina Otero. E mestres exiliados como Bibiano Fernández Tafall ou Daniel Castelao, que eran profesores do Instituto de Pontevedra.

E máis alá da persecución individual en forma de castigo exemplarizante contra as persoas que simbolizaban o compromiso pedagóxico da República, no acto plasmarase a imposición dunha escola adoutrinadora nos principios do réxime fascista, discriminatoria para as mulleres, estigmatizadora de quen pensaba diferente, sometida ao dogma relixioso, e fomentadora do autoodio contra a lingua e a cultura galega. Feitos todos eles que deixaron unha profunda pegada na nosa sociedade e cuxas consecuencias se prolongan ata hoxe.

Na homenaxe distribuirase unha publicación da autoría de Montse Fajardo e actuará a Aula de Teatro do CIM, dirixida por Andrea Bayer, que representará varias escenas que ilustran a historia do acontecido desde comezos dos anos 30 ate os tempos da Ditadura franquista. Luz Pérez actuará como narradora para explicar os principais cambios históricos e contextualizar a escenificación teatral.

O acto organizado polo Concello de Pontevedra pretende reivindicar os ideais dos mestres e mestras do tempo da República e aprender das súas leccións, tan necesarias para construír hoxe unha sociedade verdadeiramente democrática, igualitaria e xusta.