Sétima Feira trasládase ás Galerías Oliva por mor das obras do mercado

49
  • O mercado alternativo de deseño e arte de Pontevedra ocupará once locais desta céntrica área comercial dende o 21 de decembro ao 5 de xaneiro
  • Os expositores desenvolverán neste tempo actividades de dinamización neste emblemático espazo comercial: obradoiros infantís, música, exhibicións, etc.

Volve Sétima Feira e faino, por mor das obras de reforma do primeiro andar do mercado de abastos, nunha ubicación alternativa: as Galerías Oliva. A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, acompañada pola presidenta da Asociación de Comerciantes Galerías Oliva, deu conta hoxe do regreso e traslado provisional da Sétima Feira.

Once locais das Galerías Oliva acollerán ao xa consolidado mercado de deseño e arte de Pontevedra dende o vindeiro 21 de decembro até o 5 de xaneiro. Os postos estarán abertos en horario comercial. Neste tempo haberá cinco citas Sétima Feira, a primeira delas o mesmo día 21: un concerto, ás 20.00 horas.

As outras catro serán os días 24 de decembro (actividades infantís durante toda a mañá e sesión vermú), 27 de decembro (obradoiros infantís e actuación musical), 29 de decembro (obradoiros infantís e actuación musical) e 4 de xaneiro (actuación musical)

Ao obxectivos xenéricos de Sétima Feira de dar visibilidade ao potencial creativo de Pontevedra e promocionar o seu comercio local, engádese nesta ocasión o interese en revitalizar esta céntrico e emblemático espazo comercial da cidade castigada, como outras, pola crise e tamén pola falta de renovación de negocios clásicos.

A cambio de ocupar os once locais cedidos polos propietarios a custe cero, as persoas elixidas para participar na Sétima Feira “teñen que deixar algo” nas Galerías Oliva, indicou a concelleira Anabel Gulías e ese algo vai a ser un amplo abano de actividades de dinamización: obradoiros infantís, concertos, exhibicións… que conviden á xente a achegarse e a comprar.

Os interesados en participar na Sétima Feira deberán remitir as súas propostas ao enderezo de SF habitual: setimafeira@pontevedra.gal

Co novo ano e xa co primeiro andar do mercado de abastos reformado, Sétima Feira voltará a súa sede habitual.

COMPARTIR