O estudo #primacoso proba que as violencias contra as mulleres comezan na nenez

17
  • As vítimas desenvolven sentimentos de medo, culpa e vergoña mentres que a impunidade arroupa aos agresores
  • O grupo de investigación Saúde, sexualidade e xénero da Univesidade de Vigo realiza un estudo cualitativo dos relatos recollidos en preto de 3.000 mensaxes nas redes ao abeiro da campaña 25-N do Concello de 2016
  • O 94% das mulleres valoran a campaña de xeito positivo e tamén o 42% dos homes

A violencia contra as mulleres é un fenómeno xeneralizado e vai a ter impacto na súa vida. Trátase dunha violencia interiorizada na sociedade e polas propias nenas e mulleres que en moitos casos fronte a agresión senten culpa e vergoña. Unha violencia arroupada pola impunidade. Son conclusións do estudo “Campaña #primacoso. O relato das primeiras experiencias de violencia na vida das mulleres” feito polo Grupo de investigación Saúde, sexualidade e xénero da Universidade de Vigo, dirixido por María Lameiras Fernández e que ten como base as mensaxes recollidas nas redes (twitter e facebok) durante a campaña #primacoso de novembro de 2016 lanzada pola Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra.

O estudo é unha “análise cualitativa”, e dicir, que avalía os contidos dos case 3.000 mensaxes recollidas durante a campaña do 25-N impulsada polo Concello no ano 2016, subliña a investigadora e profesora universitaria, María Lameiras. Hoxe presentou o estudo, ao carón da concelleira de Igualdade, Carme Fouces e a directora do CIM de Pontevedra, Rosa Campos.

Carme Fouces lembrou que a campaña #primacoso estivo guiada por tres obxectivos:

  • visibilizar a base da pirámide da violencia de xénero; os micromachismos e as violencias contra as nenas e mulleres, normalizadas pola sociedade
  • amosar que todas as mulleres -sen importar a idade, clase, profesión o calquera outra circunstancia- estamos no mesmo barco, somos potenciais dianas da violencia machista.
  • coñecer cal era a reacción da sociedade fronte ao acto de valentía das mulleres dispostas a contar o que foi e sentiron como primeiro acoso. Saber se a sociedade apoia ou culpabiliza a vítima e como son tratadas as mulleres nas redes.

O 76% das mulleres que compartiron a súa experiencia situaron o seu #primacoso na infancia e o 24%, na idade adulta. E o 94% das mulleres que valoraron a campaña fíxoo positivamente e un 6% criticou a iniciativa ao entender que era excesiva e rompía os marcos de convivencia. No caso dos homes que valoraron a campaña o 58% fixo comentarios negativos e o 42%, positivos.

A concelleira de Igualdade sinala que “non hai tantas mulleres contrarias ao movemento feminista, moitas non se pronuncian mais asumen a súa loita. En por outra banda, hai unha alta porcentaxe de homes que dan un paso adiante a apoian as reivindicacións feministas e mesmo reflexionan e identifican comportamentos de violencia machista dos que foron protagonistas involuntarios”.

A directora do CIM de Pontevedra, Rosa Campos puxo a énfase na visibilización das violencias que sofren as mulleres e que quedou á vista na campaña #primacoso e “que reflicte unha maneira de estar no mundo, como te sitúas, como estás na desigualdade”.

As autoras da investigación analizaron os relatos recollidos en 2.924 tweets e 326 comentarios de facebook e o impacto nas redes das mensaxes: 1,5 millóns de contas alcanzadas e máis de 4 millòns de impactos nas redes.

María Lameiras divide o estudo #primacoso en tres grandes categorías: as violencias múltiples que sofren ás nenas (abusos e agresións sexuais, bullying e violencia nas relacións de parella adolescentes), as violencias múltiples que sofren as mulleres (acoso sexual, acoso por razón de sexo, abuso e agresións sexuais e violencia nas relacións de parella) e a acollida dos micro-relatos compartidos nas redes (por parte das mulleres e por parte dos homes)

O 76% dos casos denunciados a través de twitter son violencias múltiples contra menores. As situacións de abusos e agresións sexuais a menores aglutina o 65 % dos casos, o bullying de tipo sexual o 10 % das situacións denunciadas e o 1 % correspondese coa violencia nas relacións de parella de adolescentes.

Estas situacións prodúcense en espazos privados e os agresores son do entorno proximo (familia ou achegados) e teñen unha duración de 2 a 5 anos.

Fronte a estas situacións, conclúe o estudo, as rapazas desenvolven sentimentos de incomprensión, noxos, medo e bloqueo. Esta realidade contribúe a impunidade dos acosadores que constatan que as súas accións non teñen consecuencias.

O 24% das violencias contra as mulleres denunciadas na rede ao abeiro da campaña #primacoso teñen como vítima a unha muller. Nesta categoría as situacións de acoso sexual fan referencia a un 21.3 % dos casos, un 1.6 % dos tweets sinalan situacións de acoso en función do sexo, un 1 % son de agresións sexuais e un 0.2 % correspóndese coas situacións de violencia nas relacións de parella.

Ao igual que ocorre coas nenas, as mulleres son acosadas e violentadas sexualmente en espazos privados e como elas tamén desenvolven sentimentos de medo, culpa, vergoña e mesmo interiorizan que son responsables do que pasa.

Neste caso tamén os acosadores actúan con impunidade, subestimando o alcance das súas accións, ao tempo que os espectadores quedan no terreno da pasividade.

A profesora e investigadora María Lameiras conclúe que “non podemos permitir que sigan este tipo de comportamentos e tampouco a impunidade dos seus autores”.

Informe #primacoso