Arquitectos e urbanistas americanos coñecen polo miúdo e “in situ” o modelo Pontevedra

114
  • Oito profesionais de Kentlands (Maryland-USA) viaxan á cidade para coñecer o modelo urbano que prioriza ás persoas
  • Manteñen un encontro co alcalde Miguel Fernández Lores e unha reunión de traballo cos concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, cos que percorren a Boa Vila

Oito arquitectos e urbanistas de Kentlands (Maryland-USA) están hoxe na cidade para coñecer polo miúdo e “in situ” o modelo Pontevedra. Mantiveron un encontro co alcalde Miguel Fernández Lores e unha reunión de traballo cos concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, cos que fixeron tamén un percorrido pola cidade.

Os profesionais americanos traballan no eido da planificación e deseño urbano coa vista posta na recuperación da cidade como espazo de convivencia e interrelación das persoas. Teñen desenvolvido (planificado) “barrios tradicionais” no seu Kentlands natal e en distintas partes do país e dirixen a súa mirada cara Pontevedra co fin de atopar no noso proxecto de cidade, ideas e inspiración para os seus propios proxectos.

Na xuntanza mantida cos concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña amosaron un especial interese na decisión de Pontevedra de priorizar ás persoas por enriba de todo. Como se limitou o tráfico, como se artella a vida cotiá, comercial e económica da cidade, cales e canto duraron as críticas ou a oposición do modelo…foron cuestións postas sobre a mesa.