Lores: “Pontevedra está posicionada internacionalmente, é imprescindible nun mundo globalizado”

65

‣ O alcalde constata que “hai unha avidez de coñecer e profundar” no proceso de transformación urbana

Acabado de chegar de París onde desenvolveu unha intensa axenda –participación no Forum Smart City Grand Paris 2018, masterclass na Sorbona, reunións de traballo co xefe de gabinete e parte do goberno local da capital do Sena e encontro coa alcaldesa de París, Anne Hidalgo-, o alcalde Miguel Fernández Lores sinalou que na súa viaxe puido constatar que “Pontevedra está sendo un referente internacional, que hai unha avidez de coñecer e profundar na transformación urbana que fixemos”. Un interese que, nestes días, está de máxima actualidade con a posta en marcha da  iniciativa Madrid Central.

Levamos 20 anos traballando en construír unha cidade para as persoas, “un proxecto colectivo, obviamente cunha dirección política, pero que si contou e conta co apoio da sociedade” indicou Fernández Lores, quen engade que “todo isto posiciónanos internacionalmente, algo imprescindible neste mundo cada vez máis globalizado”.

O alcalde de Pontevedra bota a mirada atrás e lembra que hai 20 anos, en Pontevedra vivíase cun certo pesimismo, sen futuro, mirando nós para outras cidades as que víamos como referentes. “Creo que nestes anos temos avanzado moito, temos mellorado ese posicionamento internacional que non tiñamos, superamos os localismos, esa cortedade de miras, ese pesimismo que había na cidade e fixémolo entre todos”..

Non é o de Pontevedra un proceso acabado, queda moito que facer. “Quixemos facer ese posicionamento da cidade, o fixémolo; dixemos que ese posicionamente ía a traer retornos, e estanos traendo e estou plenamente convencido de que o mellor está por vir” subliña o alcalde, quen marca un antes e un despois na proxección intencional da cidade a raíz da aparición da Boa Vila no The Guardian. “Hasta hai 3-4 meses estábamos moi ben posicionados en foros que teñen que ver co urbanismo, coa gobernabilidade nas cidades mais a partir do artigo de The Guardian houbo un salto cuantitativo e cualitativo” indica, e agora somos un referente no mundo, ao probar que o modelo Pontevedra “non é un bluf, é un proxecto de cidade integral, holístico” que vai máis alá das “experiencias tímidas e sectoriais que se están a facer noutras partes do mundo”.

COMPARTIR