Entregadas as primeiras hortas urbanas de Monte Porreiro

92
    • A Concellaría de Parques creou 22 hortas e hoxe entregou as chaves aos primeiros usuarios 

O Concello de Pontevedra entregou este mediodía as hortas urbanas aos primeiros usuarios de Monte Porreiro, onde se habilitaron 22 bancais para traballar. O acto consistiu na entrega das chaves da cancela da parcela e do armario no que se gardan os aparellos de traballo. Nese mesmo acto quedaron desertas dúas hortas, polo que o Concello tirará da lista da agarda para readxudicalos.

O concelleiro de Parques, Alberto Oubiña visitou esta mañá as hortas, situadas no parque do Miradoiro de Monte Porreiro, logo de que foran recuperadas pola empresa de inserción laboral “Feito”, vinculada á entidade social Rexurdir. Dende a adxudicación, será a empresa Feito a que se encargue do mantemento da parcela na que se atopan as hortas urbanas.

O Concello de Pontevedra realizou durante os pasados meses un proceso de reformulación das hortas urbanas municipais para darlles unha articulación legal máis acaída, e unificalas no departamento de Medio Ambiente, xa que, até o de agora, a Finca do Conde a xestionaba Igualdade.

A concesión será por dous anos prorrogables a outros dous, e a obrigada carencia de dous anos antes de poder volver a iniciar o proceso de concesión.

Tamén no barrio de Monte Porreiro, a Concellaría de Parques creará unha horta urbana anexa ao Local social de Monte Porreiro para que poidan “traballar” nela os nenos que participan na ludoteca Carabuñas.

Paralelamente, a Concellaría está a traballar no acondicionamento das hortas urbanas da Finca do Conde, que se poderán entregar aos novos usuarios ao longo deste mes ou a primeiros de xaneiro