Asemblea veciñal para coñecer o proxecto de saneamento de Campañó Sur

13
    • Será esta tarde ás 20.00 horas na Casa da Cultura da parroquia.
    • Informarase do proxecto de conexión de Campañó Sur, do que se beneficiarán arredor de 160 vivendas cun custe de máis de 2,3 millóns de euros.

O Concello de Pontevedra continúa esta tarde coas asembleas veciñais para presentar os proxectos de saneamento no rural froito das melloras do contrato da auga asinado no último trimestre do ano. Nesta ocasión será na parroquia de Campañó, onde están convocados veciños dos lugares de Campañó de Arriba, Piñeiro, Carballiños, Pedreira, Moldes e o Freixo, para coñecer o proxecto de actuación en Campañó Sur, onde está previsto facer un investimento de 2.303.666,67 euros.

A reunión será ás 20.0 horas na Casa da Cultura de Campañó e asistirán os concelleiros do Ciclo da Auga e a delegada da parroquia, Raimundo González e Pilar Comesaña, respectivamente; acompañados de técnicos da empresa Viaqua, que será a encargada de realizar o proxecto con cargo ás melloras do novo contrato de concesión.

Con esta actuación en Campañó darase servizo a unhas 160 vivendas, e permitirá completar o saneamento de case toda a parroquia, xa que quedaría pendente de conexión unha pequena parte na zona norte. Viaqua, a encargada de elaborar os proxectos, xa traballa neste tramo pendente.

Tal e como foi anunciado polo concelleiro Raimundo González, as asembleas veciñais sucederanse nos vindeiros días. De feito, está previsto unha terceira na parroquia de Santa María de Xeve, mañá mesmo.

Moi exitosa foi a primeira das asembleas celebrada na parroquia de Verducido á que asistiron arredor de 130 persoas que fixeron preguntas e achegas para tratar de mellorar os proxectos.