O Concello perfila os dispositivos de seguridade e mobilidade dos campionatos do mundo de Tríatlon

38

    • Esta mañá celebrouse unha reunión na xefatura da Policía Local na que participaron o subsector de Tráfico, a Federación de Tríatlon, o departamento de Deportes, a empresa responsable da sinalización e a propia Policía Local.
    • Analizaron punto por punto todos os percorridos e vendo as súas necesidades.

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá unha reunión de coordinación de seguridade e mobilidade para a celebración dos vindeiros campionatos do mundo do Tríatlon que se celebrará na cidade a finais de abril de 2019.

Á reunión, celebrada na xefatura da Policía Local, asistiu a xefa provincial de Tráfico e un representante do subsector xefatura provincial de Tráfico, o representante da Federación Española de Tríatlon, o responsable do departamento de Deportes, un responsable da empresa de sinalización, e diversos mandos da Policía Local encargados da mobilidade na cidade, co seu xefe ao fronte, Daniel Mancelle.

No encontro estudáronse os percorridos de todas as probas, analizando cada un dende o punto de vista da seguridade e da mobilidade, e determinando todas as necesidades que precisa, dende as máis grandes ás máis pequenas, para que as probas se desenvolvan con todas as garantías. Aclaráronse dúbidas como a sinalización precisa en cada tramo ou en cruzamentos; a necesidade de asfaltados dalgunha curva ou dalgunha parte do trazado; a colocación de colectores de lixo; limpezas de rúa; por onde se poderán realizar os adestramentos e se poden ser colectivos ou individuais…

A vindeira reunión de seguridade e mobilidade dos campionatos do mundo de Tríatlon celebrarase o vindeiro 18 de decembro, cando está previsto a celebración dunha Xunta Local de Seguridade convocada polo Concello para abordar, en exclusiva, a seguridade e mobilidade do Tríatlon, coa participación dos primeiros responsables de todas as institucións participantes.

COMPARTIR