A Rolda Leste estará operativa para ir a Montecelo a vindeira primavera

21

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera visitaron esta mañá os traballos de desmonte e explanación que se realizan no trazado da Rolda Leste que executa a Deputación provincial, a instancias do Concello, e que permitirá unir o desdobramento do Marco co Hospital Montecelo. A obra está no final da súa primeira fase e prevese que finalice en maio de 2019.

Segundo explicou o xefe de obra, o enxeñeiro provincial José Domínguez, nesta primeira fase marcouse a traza da nova estrada, fixéronse os recheos e movementos de terras, abriuse a canteira do acceso a Montecelo para instalar a nova glorieta, e se están a realizar os traballos de traslado das torres de tensión de Fenosa. A segunda fase da obra iniciarase en xaneiro, cando se prevén meter soterradas as tubaxes e canalizacións de servizos (electricidade, telecomunicacións, gas, subministro de auga, saneamento e pluviais), para despois botar as capas da base do firme e o aglomerado.

A terceira e última fase, xa na primavera, será a máis estética e servirá para instalar a nova iluminación, a sinalización vertical e o pintado da horizontal, así como a execución da senda peonil e ciclista.

Nesta visita ás obras, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou que esta é a primeira das obras que se executa da M-4, unha mesa institucional convocada entre os anos 2004 e 2005, na que estaban representadas todas as administracións con competencias en infraestruturas e mobilidade no Concello de Pontevedra e que priorizou diversas vías como a Rolda Leste, pero tamén outras como a Variante de Alba -aínda sen proxecto- ou a A-57, aínda sen rematar a súa primeira fase e sen licitar a segunda parte.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, lembrou que esta é “unha obra moi demandada e moi demorada”, xa que pasou por moitas voltas para, finalmente, ser concibida como unha estrada urbana adaptada ao territorio que servirá de alternativa aos tránsitos que hoxe pasan pola rúa das Pereiras e a rúa das Olivas.

Estas dúas últimas son vías sen capacidade de absorber o tráfico que vai cara a Montecelo pola súa escasa sección, o que fai que a circulación estea molestando moitísimo á veciñanza.  “Foron bastantes anos agardando que se puidera abrir isto. Esta vía é un exemplo do que deben facer as administracións locais, xa que ás veces fan falta infraestruturas modestas, pero non por iso menos importantes, porque son as que vertebran o territorio e permiten a mobilidade”, salientou.

A nova estrada terá conexión coa vía que pasará por detrás de Montecelo e saída cara á circunvalación.

Características

A Rolda Leste ten unha lonxitude de 970 metros cunha calzada de dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un, beiravías dun metro, máis unha berma de 0,75 metros, cunetas de dous metros e, no lateral dereito, unha senda para ciclistas e peóns de catro metros de largo para os tránsitos peonís e ciclistas.

A traza iníciase na PO-542 (Pino-Bora) á altura do Marco, toma dirección norleste ata alcanzar a estrada provincial EP-0003 -na que se construirá unha glorieta de 42 metros de diámetro- e finaliza nunha terceira rotonda sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo, obrigando a modificar o actual cruce .

A obra, proxectada e adxudicada pola Deputación provincial, tiña un orzamento de licitación de pouco máis de dous millóns de euros e finalmente foi adxudicada á empresa Coviastec SL por 1.557.155 euros. A esta cifra hai que engadir 1,4 millóns de euros das expropiacións de terreos necesarios para facer a traza.

 O proxecto tivo que sortear moitos imprevistos dende a súa concepción ata o día de hoxe: en 2013 Deputación e Concello asinaron un convenio de colaboración, no 2014 realizouse a redacción do proxecto, e en xuño de 2015 iniciouse a licitación dos traballos. A adxudicación, sen embargo, tivo que ser rescindida por defectos da tramitación e pola necesidade de modificar o proxecto, que non incluía o traslado de torres de alta e media tensión nin as correccións apuntadas pola Xunta de Galicia. Finalmente, en decembro de 2017 iniciouse de novo a licitación dos traballos, que foron adxudicados a finais de xuño deste ano e iniciados no mes de agosto.