O Concello reformará o segundo treito de Pardo de Cela á par das obras de Virxe do Camiño

11

    • Agarda a contestación da actual propietaria dun predio sen obra, para retirar o guindastre que ocupa a vía pública, e reparar toda a beirarrúa.
    • Preténdese que a obra se faga ao tempo que remata a da Virxe do Camiño.

O Concello de Pontevedra iniciará nos vindeiros días a rehabilitación do último tramo da rúa Pardo de Cela, unha vez que se ten tramitado ante a empresa propietaria da última parcela sen edificar a petición de retirada do guindastre situado en espazo público. No caso de que a empresa non atenda á petición municipal, e transcorridos os días obrigados por lei, o Concello poderá actuar na zona, retirando o guindastre e recuando o valado.

Con este horizonte, o Concello propón a rehabilitación de Pardo de Cela con dúas estéticas distintas: na parte que se pode ver dende Virxe do Camiño, terá a nova estética desta rúa; e na parte que se pode ver dende a avenida de Vigo, terá a imaxe da avenida de Vigo.

Esta segunda fase de reforma da rúa consistirá na reposición da beirarrúa -unha vez retirado o guindastre-, e a eliminación do xardín situado baixo o chorón, que permanecerá na rúa. Tamén se reporá a varanda que se retirou co guindastre privado.

A intención do Concello é iniciar a obra canto antes, e dado que se trata dunha intervención menor, poderase acompasar co fin das obras de Virxe do Camiño e poder rematalas cara final de ano ou primeiros de 2019.

O custe da obra será duns 16.000 euros, pero o Concello executará a fianza da construtora que ía realizar o edificio, e que finalmente no executou. Esa fianza é de 10.000 euros que se investirá en devolver á rúa á súa situación orixinaria, e o custe restante da retirada do guindastre será cargado á nova propietaria do predio.