O Concello incorporará arquitectura modernista e industrial ao catálogo de bens a conservar

31

O Concello de Pontevedra, a través do Servizo de Urbanismo, iniciará o expediente para a elaboración de pregos e contratación dun novo Catálogo municipal de edificios e bens a conservar na cidade e no rural. A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías explicou que estes traballos permitirán dar seguridade xurídica ao Concello e aos administrados; recuperar e catalogar todo o patrimonio; e axilizar trámites de licenzas e obras xa que, nalgúns casos, será innecesario a consulta á Patrimonio da Xunta de Galicia.

O Concello dispón dun traballo feito do ano 1994, complementado co realizado na redacción do novo PXOM, nos que se catalogaban elementos tanto no ámbito urbano como no rural.

Ante as periódicas peticións de Patrimonio da Xunta de incluír nese catálogo elementos susceptibles de ser conservados, acordouse realizar a actualización de todas as fichas coa creación dun novo catálogo.

Este proceso comezará coa elaboración dos pregos para o que será necesario solicitar a Patrimonio da Xunta todos os edificios que considere que sexan susceptibles de ser conservados. E servirá para pórse ao día coa nova Lei de Patrimonio Cultural autonómica que fixa proteccións determinadas na contorna do ben, racionalizando e aclarando o anel secundario de protección.

Ademais, aproveitando todo o traballo que se vai facer, incorporarase unha nova perspectiva de catalogación, xa que até o de agora era mormente historicista. A Concellaría analiza a posibilidade de incluír arquitectura modernista ou elementos do patrimonio industrial que até o de agora non tiña esta consideración. Solicitará, polo tanto, a opinión de distintos colectivos, como o Colexio de Arquitectos que reiteradamente fixo solicitudes deste tipo.

Ademais de incluír as edificacións, o Catálogo tamén sumará os muros tradicionais a conservar. Con esta medida, a administración adaptarase á cambiante Lei do Solo que fixa unha protección específica para os muros, e dará capacidade resolutoria ao Concello nestes supostos.