Todas as forzas de seguridade unidas para garantir o éxito dos mundiais de Tríatlon

4

O Concello de Pontevedra celebrou esta semana unha Xunta Local de Seguridade cun único punto na orde do día: a mobilidade e seguridade nos Campionatos do Mundo de Tríatlon que se celebrarán entre o 27 de abril e 4 de maio en Pontevedra. Na reunión, convocada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, contou coa presenza da subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o coronel da Garda Civil de Pontevedra, Jorge González Veiga; a nova comisaria provincial, Estíbaliz Palma; o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle; e varios axentes responsables das distintas áreas implicadas neste evento.

O alcalde explicou que naquelas datas Pontevedra será visitada por máis de 4.000 deportistas, e existe a previsión de que sexan, finalmente, máis de 10.000 persoas as que estean na cidade. Como presidente do Comité Organizador do evento deportivo, o alcalde trasladoulle a petición de necesaria colaboración de todas as forzas policiais para garantir que o evento teña un resultado excelente.

Existe un traballo previo entre os distintos corpos para testar os circuítos xa que afectan a estradas de competencia provincial, autonómica e estatal. Tamén é preciso que o Ministerio do Interior se involucre xa que está previsto a presenza de moitas delegacións estranxeiras na cidade.

Tanto a subdelegada como a comisaria provincial e o coronel da Garda Civil, garantiron plena colaboración co evento para acadar o éxito desexado.