O campo de fútbol de Salcedo será a primeira instalación do novo complexo deportivo da parroquia

10

    • O Concello xa dispón do proxecto que ten un custe de 1,1 millóns de euros. Terá que ser revisado polos servizos técnicos antes de iniciar a contratación.
    • O campo terá as dimensións esixidas pola FIFA para competicións internacionais e disporá dunha construción con vestiarios, cantina, almacén, sala de usos múltiples, almacén de bicicletas, e bancada.

O Concello de Pontevedra xa dispón do proxecto de construción do novo campo de fútbol de herba sintética de Salcedo, que formará parte do centro deportivo proxectado polos comuneiros da parroquia nos terreos gañados á Brilat. Este complexo completarase, no futuro, con outras instalacións como unha pista de BMX e outra de atletismo.

Na presentación do proxecto, que ten un custe de 1.150.000 euros e terá que ser revisado polos técnicos municipais antes de iniciar o proceso de contratación, estiveron presentes a comunidade de montes, representada polo seu presidente, Fernando Pintos; o Club de fútbol Salcedo, representado por José Antonio Barreiro, o seu presidente; e Ramón Laxe, responsable da asociación Heroes do Campo da Porta.

O campo de fútbol adáptase ás características naturais do terreo, que foi un dos requisitos dos comuneiros á hora de ceder o espazo para a súa construción. Ademais do terreo de xogo que terá as dimensións esixidas pola FIFA para disputar calquera partido oficial de ámbito internacional, disporá dun edificio multiusos.

Nesta construción haberá unha bancada, situada sobre os vestiarios que serán catro. Disporá de espazos de almacén, cantina aberta tanto á parte interior do campo como a zona exterior; aseos; almacén de bicicletas e un espazo para limpar esas bicicletas logo de percorrer o monte. A comunidade de montes ten un acordo co Club Ciclista Farto para o uso do monte con carácter deportivo, e solicitou que se habilitara este espazo na edificación do campo de fútbol, para poder limpar as bicicletas logo do seu uso.

A construción tamén disporá dun aula de usos múltiples que tamén foi outra das peticións da comunidade de montes para facer actividades relacionadas coa natureza.

O campo disporá dun depósito para a recollida de auga da chuvia para regar o campo, seguindo os parámetros de sostibilidade.

Os concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, responsables das infraestruturas deportivas e da parroquia de Salcedo, respectivamente, manifestaron a importancia de que este proxecto -e os próximos- se faga de común acordo cos veciños.