Rematada a mellora integral da Xunqueira da Gándara

90
    • Durante estes meses de traballo recuperouse o sistema de drenaxes de augas pluviais; tratouse o mobiliario público; substituíronse todas as pasarelas de madeira, e fíxose un miradoiro aproveitando un espigón dunha ponte sobre o río Rons.
    • O Concello continuará co mantemento habitual do parque, respectando a súa condición de ENIL.

O Concello de Pontevedra rematou nestes días os traballos de mellora do parque da Xunqueira da Gándara (Alba) que realizou a empresa Naturgalia durante estes últimos meses, por 184.735,57 euros. Partindo de que a Xunqueira da Gándara é un espazo natural, fíxose unha actuación integral pero branda, respectando o seu carácter de espazo protexido, xa que está declarado ENIL (Espazo Natural de Interese Local).

No proxecto limpáronse todos os sumidoiros e a canalización da recollida de augas pluviais situadas no lateral dos paseos, ao carón do río Rons, para que drenasen ben e evitaran facer charcas. No seu momento estaban cubertos por xabre, que os facía inoperativos.

Fíxose unha intervención integral no mobiliario público do parque. Limpáronse, reparáronse e substituíronse os elementos dos bancos para que estivesen en boas condicións de uso; pintáronse e reparáronse as fontes, e tamén as luminarias situadas nos paseos centrais.

Tratáronse todos os paseos achegando xabre nos puntos que foi necesario, e nivelándoos para que estean en bo estado de uso.

Retiráronse todas as pasarelas de madeira -algunha delas pechada dende fai anos- e substituíronse por novas. Tamén se mellorou, con limpeza, pintado e tratamento, as dúas casetas de avistamento de aves.

O último dos traballos que realizou a empresa adxudicataria foi a creación dun miradoiro na entrada da Xunqueira da Gándara, aproveitando o espigón dunha das pontes que cruzaban a canle do río Rons -agora demolida-. Habilitouse na marxe esquerda; e o espigón da outra marxe, demoleuse.

O novo miradoiro era un acceso de madeira que foi rehabilitado, substituíndo as pezas de madeira en mal estado por outras novas; pintouse, e instalouse unha varanda para poder contemplar o río con seguridade.

Unha vez rematada esta intervención, o Concello continuará co mantemento habitual da Xunqueira da Gándara, sen actuacións de envergadura, pero si de sostemento para garantir que continúe a manter o seu carácter natural compatible cos usos que lle dan os pontevedreses a diario: de encontro, paseo e espazo deportivo, fundamentalmente.

COMPARTIR