A reforma do complexo deportivo de Campolongo comezará o 1 de abril e abrirá ao público o 1 de outubro

41
    • O Concello mantivo esta mañá unha reunión coa empresa gañadora da xestión Serviocio-Beone, que xa buscou acomodo para os usuarios que queiran continuar coa práctica deportiva.
    • Están garantidos os 42 postos de traballo que se someterán a un ERE de seis meses, ingresando o 100% do salario actual. Está prevista unha incorporación das diferentes especialidades profesionais a medida que se vaia avanzando na obra.

A reforma das piscinas de Campolongo comezará o vindeiro 1 de abril e a previsión de remate é o 30 de setembro, para abrir ao público o 1 de outubro. Estes foron os acordos acadados na reunión que mantiveron hoxe o Concello coa empresa adxudicataria da xestión das piscinas Serviocio-Beone, e poder afrontar con garantías a reforma da principal instalación deportiva municipal no centro da cidade.

O proxecto definitivo da reforma xa se atopa nas dependencias de arquitectura do Concello e está sendo estudado polos técnicos. Unha vez revisado (e corrixido o que se estime), terá que ser aprobado pola Xunta de Goberno Local. Ten un orzamento de 5.140.000 euros, dos cales 4.333.000 euros serán da obra civil.

Paralelamente, a empresa adxudicataria xa ten asinado un acordo coa empresa deportiva Tablero, situada no polígono industria da Reigosa, para ofrecer alternativas para a práctica deportiva a todos os usuarios que o soliciten. Estes gozarán dunhas condicións especiais durante o tempo que adestren alí.

Ademais, está contemplado nos pregos da adxudicación da reforma das piscinas, que unha vez que entre en funcionamento as novas instalacións, terán preferencia os actuais usuarios, que retornarían sen ter que abonar unha matrícula previa.

Situación laboral dos traballadores

A outra parte acordada esta mañá foi a situación laboral dos 42 traballadores da instalación deportiva. Todos someteranse a un ERE por un período máximo de seis meses, e seguirán cobrando o 100% do salario durante este período. A incorporación dos traballadores será paulatina durante eses seis meses de paro laboral, unha vez que se vaia avanzado nas obras. Por exemplo, está previsto que primeiro se poñan ao fronte os directivos da instalación ao igual que o persoal de mantemento que terá que incorporarse antes dos 6 meses programados.

O investimento previsto para estes 20 anos de concesión é de 34 millóns de euros. E a intervención suporá unha transformación das instalacións actuais para acondicionalas ao século XXI, baixo dúas premisas: sustentabilidade ambiental e incorporación das novas tecnoloxías.

Remodelación integral

Farase unha remodelación total do complexo deportivo e só quedará a superficie da lámina de auga. Ampliarase a superficie construída que pasará de 3.800 metros2 a 5.700; e a de actividades en seco de 700 m2 a 1.600 m2. Gáñase espazo na planta baixa, abrindo o edificio cara o paseo que está ao carón da Igrexa, que lle dará luminosidade a toda instalación.

Tamén se incorporarán e mellorarán servizos como ludoteca, a área de fisioterapia completarase con nutrición, e haberá máis salas para fitness e actividades deportivas pasando de 4 a 9.

Cabe lembrar que a empresa Serviocio-Beone presentou unha oferta económica de 4,6 millóns de euros; ofrece unha redución do 100% das tarifas sociais; dun 2,5% do resto de tarifas; 60.000 euros/ ano de canon o que suporá 1,2 millóns de euros dado que hai que ter en conta a revalorización do canon dende o ano 2020; e non aceptará o millón de euros públicos de investimento ofrecidos polo Concello para asumir a reforma das instalacións.

Ademais da oferta económica, a empresa tamén propón maior horario de apertura da instalación sobre os mínimos esixidos polo Concello que se resume nun maior horario de uso en época invernal: iniciando a actividade as 6:45 e finalizando as 23:30h, con horario continuado de apertura os sábados dende as 9:00 horas ata as 21:00 horas; e en época estival, se mellora a proposta mínima, coa apertura os domingos pola maña.

Na xestión da piscina, Serviocio propón un incremento de rúas para actividades programadas polo Concello. Sobre unha reserva mínima de 60 módulos horarios ao longo da semana, a empresa fai unha proposta total de 212 módulos (supón un incremento do 253%) horarios ao Concello.

Outra das moitas melloras que inclúe a oferta de Serviocio, é un investimento de 400.000 euros para novo equipamento deportivo. Ademais, incrementarase o espazo deportivo das instalacións, con máis salas xa que desaparecen as pistas de squash e bótase unha placa para completar o primeiro andar, entre outras ampliacións.

COMPARTIR