A reforma de Benito Corbal obriga a cambiar de sentido catro rúas do centro dende o luns

926

    • As obras desenvolveranse en dúas fases e comezarán o vindeiro luns, cortando ao tráfico o tramo entre Sagasta e Blanco Porto.
    • Obriga a cambiar de sentido as rúas Javier Puig, José Millán, parte de Sagasta, e pechar Lepanto ao tráfico.
    • Só poderán acceder a zona de obras os peóns e os vehículos de residentes, servizos ou emerxencias.

O Concello de Pontevedra iniciará o luns, 14 de xaneiro, os traballos de reforma da rúa Benito Corbal (entre Sagasta e Cobián Areal) que terá importantes afeccións ao tráfico tanto peonil como rodado. O plan de obra, que se desenvolverá en dúas fases, xa está repartido entre os comerciantes e na caixa de correo da veciñanza para evitar as molestias que sexan posibles dende o luns e durante os 4 meses que durará a obra. A recomendación do Concello é evitar a zona en todos os casos que sexa posible.

A reforma para priorizar o tráfico peonil sobre o rodado, execútaa a empresa E.C.Casas cun orzamento de 147.587,89 euros e 4 meses de duración.

A execución da obra está planificada en dúas fases. A primeira entre Sagasta (rúa Vasco da Ponte) e Blanco Porto; e a segunda entre Blanco Porto e Cobián Areal. En ambos casos está previsto o peche da rúa para poder acelerar os traballos. De acompañar o tempo, incluso se podería facer por debaixo do prazo de adxudicación.

Na primeira fase está prohibido transitar polo tramo en obras, agás accesos a garaxes, servizos ou emerxencias. Esta reforma obriga a cambios en distintos puntos das rúas da cidade neste ámbito. Cambian de sentido as rúas Javier Puig, José Millán e Sagasta (entre Cruz Gallástegui e Benito Corbal). A rúa Lepanto quedará pechada ao tráfico, agás para servizos e residentes.

A rúa Javier Puig cambia de sentido, e durante a obra será de subida cara Blanco Porto; José Millán de saída cara San Antoniño para dar saída a Cobián Areal; e Sagasta cambia de dirección no último tramo para garantir a entrada ao estacionamento de Barcelos recollendo o tráfico a través de Cruz Gallástegui, e deixándoo na praza por Vasco da Ponte.

Consecuentemente, prohíbese o estacionamento en toda a zona afectada polas obras, e a rúa Lepanto, cambiará de réxime de estacionamento de fixo a servizos, para facilitar as actividades de residentes e comerciantes.

Na segunda fase obrarase no tramo entre Blanco Porto e Cobián Areal. Neste punto a rúa Lepanto xa se poderá abrir ao tráfico normal, e volverán a cambiar de dirección as rúas que na primeira fase cambiaron de sentido.

Seguindo a recomendación da Policía Local, o Concello non simultaneará a reforma de Benito Corbal coa de Lepanto.

O proxecto

A reforma de Benito Corbal pretende afondar no modelo Pontevedra especialmente nesta zona, de grande importancia comercial. Quere mellorar a calidade de vida e a mobilidade tanto peonil como de vehículos privados. É un ámbito cun tráfico peonil moi intenso, polo que é preciso ampliar os espazos para peóns. Deste xeito, reducirase o espazo do vehículo privado que quedará confinado a un carril en toda a vía, e o resto gañarase para os peóns.

A actual sección é de beirarrúas de 3 metros de ancho, máis 2,10 de prazas de estacionamento e un carril de circulación de 3,50 metros. No novo proxecto, as beirarrúas pasarán a catro metros de ancho e a calzada baixarase a 3,20 metros. O estacionamento quedará na marxe dereita (no sentido da circulación) que será de servizos e carga e descarga.

A seguranza viaria é a redución do ancho do carril e a instalación de pasos de peóns elevados. En concreto, no cruzamento das rúas Blanco Porto e Benito Corbal será un paso elevado na súa totalidade.

Non está previsto demoler as beirarrúas, só se ampliarán. Aínda que o proxecto contempla o asfaltado de toda a rúa. Para garantir o paso das cabalgatas e desfiles, cortaranse as acacias da marxe esquerda da rúa.