Comeza a desmontaxe da praza da Castaña

58
    • É un proxecto complementario á Cruz Vermella que terá
      un custe de 61.000 euros.

O Concello de Pontevedra iniciou esta mañá a desmontaxe da praza da Castaña, incluída no proxecto de reforma da rúa Cruz Vermella, que xa está practicamente rematada. De feito, unha das intervencións que estaba pendente era a intervención nesta praza, que estaba incluída como mellora dentro do proxecto da rúa, ao igual que a reforma da beirarrúa de Padre Gaite (a situada ao carón do CGTD).

A empresa Covsa, que está a executar a obra de remodelación de Cruz Vermella, incluíu na súa oferta a reforma da praza por valor de 61.229,64 euros. O cambio de imaxe consistirá en retirar a estrutura de pedra situada no medio da praza, e substituíla por mobiliario urbano que permita crear unha zona de estancia e racionalizar o tránsito de vehículos que teñen que empregar a praza para achegarse aos estacionamentos de vivendas.

Cabe lembrar que a reforma da Cruz Vermella tivo un custe de 1.186.284 euros e permitiu levar os parámetros de calidade urbana (accesibilidade, boa iluminación, mobiliario…) a un dos barrios máis populosos da cidade.