O Concello e Fenosa acordan soterrar o transformador do colexio de Barcelos

79

    • Estará na vía pública, no exterior do colexio, e a obra comezará de xeito inminente.

O Concello de Pontevedra chegou a un acordo técnico coa empresa Fenosa para soterrar o transformador eléctrico do colexio de Barcelos, fóra do recinto escolar. Logo dunha reunión entre técnicos municipais e da empresa, acordouse que o soterramento se faga próximo á zona actual, pero no exterior do edificio, e o custe será asumido polo Concello.

A obra comezará con carácter inminente, unha vez que se concrete por parte de Fenosa o custe deste soterramento. Ademais, simultanearase coa reforma da rúa Rouco que está previsto iniciar, tamén, nas vindeiras semanas, pero non se incluirá dentro desta reurbanización dado que obrigaría a parar o expediente do Rouco.

A concelleira de Educación, Carmen Fouces comunicou onte tanto á dirección do centro de ensino como á presidenta da Anpa da situación na que se topaba o proxecto de soterramento e da decisión municipal.

O Concello reitera a importancia de retirar o transformador de Fenosa dun punto tan sensible como é o centro de ensino, e garantir o subministro en fórmulas máis acaídas a espazos tan habitados como é a praza de Barcelos, un lugar de especial consideración para o Concello de Pontevedra, como se puido comprobar meses atrás coa peonalización de parte da praza para transformala en patio de recreo do centro de ensino.