O Concello iniciará o vindeiro mes a campaña de compostaxe individual no rural pontevedrés

21
    • Empezará polas parroquias de Salcedo, Campañó e Tomeza.
    • En colaboración coa Deputación, será a Fundación Rural de Galiza (Fruga) a encargada de dar a formación aos veciños e de facer un seguimento dos composteiros durante seis meses
    • Mañá ábrense os composteiros comunitarios da Parda, Ponte Boleira e Camiño de Ferro.

O Concello de Pontevedra iniciará a finais de mes ou primeiros de febreiro o despregue dos 8.000 composteiros individuais no rural pontevedrés. Comezará polas parroquias de Salcedo, Tomeza e Campañó, onde xa se tiñan realizado experiencias piloto, algunhas que datan de hai dez anos e outras máis recentes de fai cinco anos. Así o anunciou esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores no transcurso da sinatura dun convenio coa Deputación provincial e a Federación Rural Galega, encargada de achegar o persoal necesario para o funcionamento desta campaña no rural pontevedrés.

O obxectivo é “intentar tratar o orgánico das parroquias, que se poida recoller e transformar en compost”, segundo explicou o alcalde quen asegurou que “Pontevedra será a única cidade en condicións de cumprir as directrices en materia de residuos sólidos”.

A empresa encargada de formar e facer un seguimento desta compostaxe individual -que nun primeiro momento será voluntario- será a Federación Rural Galega (Fruga) que iniciará esta campaña ofrecendo charlas informativas aos veciños das parroquias polas que se vai a implantar esta compostaxe.

Fruga tamén realizará visitas aos domicilios (entre 2 e 4) para coñecer a evolución do proceso in situ. En virtude do convenio asinado, será a Deputación a que fará unha achega de 400.000 euros para sufragar o traballo da Fundación, segundo explicou esta mañá o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, no transcurso da sinatura do convenio.

O alcalde confesou estar satisfeito pola sinatura deste convenio “e que a Deputación nos acompañe para que Pontevedra volva a ter relevancia a nivel estatal, europea, e incluso, mundial”.

Pola súa banda o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, tamén asegurou que “se tratará dun proxecto pioneiro que vai a ser unha referencia”.

Novos composteiros

O Concello de Pontevedra, por outro lado, porá en marcha mañá os novos catro composteiros comunitarios instalados a final de ano na cidade. Dous amplían os situados na praza de Ponte Boleira e de Camiño de Ferro, e outros dous están situados na rúa Pintor Laxeiro e na rúa dos Soutos.

Os composteiros abriranse pola mañá e os mestres composteiros estarán en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 18 horas, para atender aos veciños que se acheguen e para informarlles do que precisen.

COMPARTIR