O Concello saca a concesión 23 postos no primeiro andar do Mercado

287
    • As bases saen publicadas hoxe no BOP.
    • Os interesados terán 30 días hábiles -a partir de mañá- para presentar as súas ofertas e un mes para decorar ou obrar no posto, que ten que estar acorde coa nova imaxe do Mercado.

A Concellaría de Promoción da Cidade continúa adiante coa transformación do primeiro andar do Mercado de Abastos. Hoxe saen publicadas no Boletín Oficial de Pontevedra as bases para a adxudicación dos 23 postos aos que se lles outorgará un título habilitante por un ano coa posibilidade de prórroga por catro máis.

Dos 23 postos, 15 son con extracción de fumes e o resto sen extracción. E diferencianse en tres tipos segundo a situación e o canon que vaian pagar. Os canons oscilarán entre os 357 euros e os 301 euros.

Nos pregos se fixa a valoración da solvencia económica da oferta entre 0 e 51 puntos, e o proxecto comercial entre 0 e 49 puntos. Tamén será motivo de valoración que sexa unha actividade que complemente o uso da planta de abaixo, a instalación de novas tecnoloxías; que sexan actividades promovidas por mulleres ou os postos de traballo que se poidan crear, entre outros factores.

Dende mañá, haberá un prazo de 30 días hábiles para presentar as ofertas (arredor de seis semanas) e se resolverán nun prazo duns 10 días.

Os proxectos que estean autorizados terán un prazo dun mes para montar e facer as obras necesarias seguindo un manual de obra, para garantir que sigan a identidade gráfica do novo Mercado.

Serán os novos concesionarios os encargados da limpeza das instalacións. Os horarios de apertura do primeiro andar do Mercado será de 06.00 a 22.00 horas durante a semana, e até as 23.30 horas na fin de semana.

A Concellaría de Promoción da Cidade pide a todas as persoas que estean interesadas que poidan ter necesidades de aclarar informacións, ser asesorados, resolver dúbidas… se dirixan ben á administradora do Mercado que se atopa situada no propio Mercado, ou ben á xefa de servizo do Mercado situada na Casa da Luz.

Enlaces:

COMPARTIR