O Concello disposto a colaborar para formar profesionais cualificados para o sector da construción

79

    • O alcalde recibe á nova Asociación de Constructores de Pontevedra, integrada por 30 compañías de toda a provincia.
    • Nun momento esperanzador, o sector detecta a falta de profesionais cualificados (fontaneiros, pintores, encofradores, directores de obra…) que, por diversas razóns, abandonaron o sector durante a crise.

O alcalde de Pontevedra,  Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías recibiron esta mañá á Asociación de Construtores de Pontevedra, unha iniciativa nova que se puxo en marcha en novembro de 2017 e que conta, nestes momentos, con 30 empresas asociadas de toda a provincia de Pontevedra.

Ao encontro asistiron o presidente Víctor del Canto (Civisglobal); a vicepresidenta primeira, María Luisa Martínez (Covsa); vicepresidente segundo, Arturo Ramírez (Construcciones Ramírez); Miguel Caruncho, secretario (Xestión Ambiental de Contratas); Mauricio Rodríguez,  vogal (E.C.Casas); e Manuel Fernández vogal, da empresa Setga; ademais do xerente da asociación, Javier Carballeda.

A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías destacou a evidente activación do sector da construción na cidade, “un sector básico” que ten un volume de obra “importante” con 493 vivendas en construción ou en fase de concesión de licenza nestes momentos.

Lembrou que o propósito do Concello é “intentar facilitar as cousas nos nichos económicos en crecemento” como pode ser o caso do sector da creatividade; e cara eses nichos é onde van destinados os fondos públicos da formación municipal. O sector da construción é “un nicho imprescindíbel de emprego na cidade”, explicou Anabel Gulías, polo que o Concello está disposto a colaborar con el neste ámbito formativo.

Javier Carballeda, xerente da Asociación, explicou que a construción na provincia de Pontevedra move o 10% dos traballadores activos e o 8% do PIB provincial. Confían no futuro e solicitan a colaboración municipal para formar a profesionais da construción que con motivo da crise económica abandonaron o sector ben xubilándose, ben emigrando ou ben adicándose a outros sectores.

Nestes momentos detectan a falta de persoal cualificado como encofradores, pintores, fontaneiros ou directores de obra, entre outros.