Seis empresas presentan ofertas para rehabilitar a nova oficina de Ferreiros

54
    • O edificio acollerá a 70 funcionarios distribuídos en dúas plantas cunha superficie total de 1.328 metros cadrados

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reuniuse esta mañá para abrir as ofertas presentadas por seis empresas (dúas concurren en Unión Temporal de Empresas) para reformar as novas oficinas municipais na rúa Ferreiros.

Presentaron oferta:

    • GPD
    • UTE San Emeterio-Prace
    • Oresa
    • Construcciones Pérez Abilleira
    • Civisglobal
    • UTE Ramírez- E.C.Casas

O proxecto de reforma sae a licitación por 1.152.000 euros para reformar unha superficie de 1.328 metros cadrados distribuídos en dúas plantas: unha de 600 metros e outra de 728.

As dependencias de Ferreiros acollerán a 70 funcionarios das áreas de Urbanismo (Disciplina urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa, Oficina técnica de licenzas e inspección, Oficina técnica de rehabilitación, Servizo de Urbanismo, Planeamento e Patrimonio) e Tesourería (Tesourería, Xestión Tributaria, Contratación tributaria, tributos e inspección). 30 postos na planta baixa (xestión tributaria) e 40 postos na primeira con urbanismo, todos eles distribuídos por áreas e por departamentos.

O investimento da remodelación é de 1 millón de euros ao incluír todos os servizos, domótica, videovixilancia, mobles fixos, arquivos… así como unha reforma interior pensada para aforrar até un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo. De feito, instálase unha celosía de madeira exterior que poida servir para refrescar as oficinas no verán ou manter o calor no inverno. Adóptanse estratexias do que se ven en chamar Arquitectura Pasiva para conseguir unha cualificación enerxética de proxecto tipo “A”, a mellor das posibles.

O proxecto de reforma foi elaborado polo despacho rodríguez+pintos, radicado na cidade.

Ademais, a Mesa de Contratación adxudicou á empresa Acuntia a renovación electrónica en rede por 76.485,98 euros e á empresa Zurich o seguro de responsibilidade civil do Concello.