Encher de cantos as tabernas

316
  • Chega a oitava edición de Cantos de Taberna: cinco citas, 10 bares e cinco grupos e un obxectivo: recuperar unha forma tradicional de divertimento
  • As citas son os últimos venres do mes, dende o vindeiro (día 25) até maio

Cinco citas, dez bares, cinco grupos e un obxectivo: fomentar a nosa cultura recuperando unha forma de divertimento tradicional. Volve Cantos de Taberna da man da Concellería de Festas e o grupo Maravallada.

A concelleira de Festas, Carme da Silva presentou hoxe a oitava edición de Cantos de Taberna, que arranca o vindeiro venres 25 de xaneiro e que se desenvolverá todos os últimos venres de mes até maio. Ao seu carón, Xaquín Moreda de Maravallada.

Da Silva e Moreda concordaron ao subliñar a aposta pola participación e a boa resposta da xente de Pontevedra á iniciativa, unha resposta que medra ano a ano e que trouxo outras citas como a Aquí Cántase.

“Non se trata de actuacións, os grupos incentivan que a xente cante, que participe nos cantos” indicou a concelleira de Festas. “O que queremos é dar prioridade a voz, encher as tabernas de voces e por iso os grupos levan pouca instrumentación” engade o portavoz de Maravallada.

Co fin de animar á participación, repártense as letras das cantigas nos bares porque son moitas as persoas que tan só coñecen o primeiro retrouso mais non a cantiga completa. Xustamente é un libro de cantigas o premio que recibe, ao final de Cantos de Taberna, a persoa ou grupo que mais se teña implicado e participado nas sucesivas citas do programa.

Cantos de Taberna está a crear escola e cada vez son máis os sitios nos que se organizan encontros para cantar.

Programa:

DATA

BARES

GRUPOS

25 de xaneiro

Maristas e A Botica

Son das Ondas

22 de febreiro

Milano e La Casita

+Q Cantigas

29 de marzo

Brasilia e Machuco

No Cómbaro

26 de abril

Reixas e A Navarra

Trespés

31 de maio

Saudade e O Pavero

Maravallada

 

hahaha