O Concello inventariará a sinalización vertical para evitar redundancias e sinais obsoletos

45
    • O propósito é coñecer o estado destes elementos. Na cidade hai contabilizados arredor de 4.000.
    • Tamén se retomará o pintado das vías urbanas, con especial atención aos pasos de peóns e aos barrios do Burgo, Monte Porreiro, Ponte Muíños e Valdecorvos.

O Concello de Pontevedra retomará -en canto o tempo o permita- o plan de pintados das vías municipais e, paralelamente, realizará un inventario de toda a sinalización vertical do concello, para coñecer o estado destes sinais, e decidir se é necesario ampliala ou, incluso, reducila.

Coa chegada do inverno e o inicio das chuvias tivo que suspenderse o plan de pintados das vías urbanas. Segundo os datos do servizo, quedaría pendente de pintar arredor do 30% das vías municipais, un traballo que se completará ao longo do ano.

Terán un trato especial os pasos de peóns e farase unha actuación integral nos barrios como o Burgo, Monte Porreiro, Ponte Muíños e Valdecorvos.

Inventario da sinalización vertical

Mentres non se pode acometer o pintado das rúas polo mal tempo, o Concello a través da empresa adxudicataria do servizo de mantemento da sinalización horizontal e vertical da cidade, API Mobilidade S.L., inventariará a sinalización vertical. Na actualidade estímase que existen arredor de 4.000 sinais distribuídas nas vías municipais (sen contar as 1.500 placas de vaos que está a colocar o Concello nas entradas de carruaxes).

Esta listaxe ten por obxecto eliminar redundancias e retirar todos os sinais que estean obsoletos e en mal estado, e colocaranse os novos que sexan necesarios.

Ademais, un dos obxectivos desta inspección de todas as vías municipais é reforzar a sinalización dos pasos de peóns, tanto con sinalización horizontal, como con vertical; e estudar a sinalización direccional tanto de saída da cidade como de entrada, que está dirixida por uns 300 sinais.

A intención é crear rutas direccionais para eliminar o escaso tráfico de paso que atravesa a cidade, e dirixilos cara os estacionamentos de bordo ou de pago, de ser o caso.