As novas do Concello na palma da túa man

736
  • A app Pontevédrate ofrece información de distintos departamentos municipais, de servizos como lixo ou auga, a web municipal ou a páxina de inscrición nas actividades municipais
  • Xa está dispoñible en Android e, dende o vindeiro luns, en iOS
  • A Concellería de TICs encargou o desenvolvemento daferramenta a TokApp

O Concello de Pontevedra presentou esta mañá a app municipal “Pontevédrate” que está dispoñible para Android e, en vindeiros días, para iOS. O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, presentou esta nova ferramenta municipal, acompañado de Edelmiro Justo, xerente de TokApp, empresa encargada de desenvolver a nova ferramenta de comunicación.

Baixo o logo PO, os usuarios poderán subscribirse á información municipal, filtrada por temáticas: cultura e festas, deporte, educación, igualdade, infraestruturas e mobilidade, normalización lingüística, obras, patrimonio e memoria histórica, ILES e xuventude. Tamén inclúe apúntate (a páxina municipal para inscribirse nas actividades municipais), unha información práctica dos servizos municipais (limpeza, augas, bombeiros…) e a web municipal www.pontevedra.gal . Igualmente, ofrecerá información doutros centros de ensino, entidades deportivas, asociacións… que xestiona TokApp.

A pesar de que Pontevédrate leva un tempo en prácticas e sen ningunha difusión, conta xa con máis de 400 subscritores, o que proba a oportunidade de sacar á rúa unha ferramenta destas características.

A administración está en proceso de modernización. A implementación da sede electrónica vai neste camiño e agora avánzase un chanzo máis cunha aplicación que permite estar informado do que pasa a través do móbil. “Esta aplicación facémola para abrir a administración á cidadanía, que os veciños e veciñas sexan partícipes do que hai na cidade” explicou Alberto Oubiña.

TokApp. O pontevedrés Edelmiro Justo, xerente de TokApp, amosou a súa satisfacción por ter colaborado co Concello e contribuír ao achegamento das novas á veciñanza dun xeito doado.

Esta plataforma de comunicación web e móbil foi unha das empresas que participou na viaxe institucional-comercial que desenvolveu o Concello de Pontevedra a México en agosto de 2017, co alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías ao fronte. Esta viaxe permitiulle entrar no mercado mexicano. Hoxe en día TokApp está presente en dez países entre eles varios americanos: México, Colombia, República Dominicana e Chile.

Podes descargar a APP do Concello de Pontevedra, donde estos enlaces: