Melloras no parque Rosalía de Castro para acondicionalo de cara á primavera

119
  • Consolidaranse pasos de peóns, recentrarase a estatua de Rosalía e repáranse os bancos iluminados con cores para que poidan lucir na vindeira estación.

O Concello de Pontevedra realiza nestes días melloras no parque de Rosalía de Castro, xunto ao Pazo da Cultura, para que estea en boas condicións de uso e goce de cara á primavera e o verán. Ademais, é un espazo moi transitado polas ducias de persoas que se achegan ao Pazo da Cultura, polo tanto, esta carta de visita da cidade ten que estar nunha situación óptima.

Con esta intervención resolveranse problemas de pluviais, faranse novos pasos peonís, eliminaranse accesos rodados pola zona verde, tratarase e recentrarase a estatua de Rosalía de Castro, e reporase a iluminación do paseo peonil fronte á avenida de Compostela, cuxo paseo de xabre mellorarase cando cesen as chuvias. Trátase de facer unha intervención xeral que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses.

Os traballos comezaron estes días coa reparación do banco iluminado na fachada da avenida de Compostela. O traballo consiste en arranxar todo o dispositivo de iluminación de cores, substituíndo as leds fundidas, reparando os metacrilatos e limpando estes bancos que unen o campus coa ponte de Santiago.

Tamén está en carteira mellorar o paseo peonil de xabre, que nestes días de chuvias presenta diversos empozamentos. É un traballo que se fará cando cesen as chuvias, cara a primavera.

Está previsto recentrar a estatua de Rosalía de Castro, situada no entronque coa ponte de Santiago, de tal xeito que sexa máis visible, especialmente tendo en conta que é a figura que lle dá nome ao parque.

Precisamente, no punto onde agora se atopa a escultura, parte un camiño de pes que conecta a pista de saída dos vehículos do estacionamento do Pazo coa vía de acceso á este estacionamento. Consolidarase este camiño de peóns, pero con un tratamento en pavimento acorde coa zona, canalizando as augas pluviais e evitando os empozamentos actuais, xa que é unha zona moi transitada polos peóns para achegarse ao Pazo da Cultura.

Por outro lado, tamén se eliminará un acceso rodado feito por condutores a través do propio parque (situado entre a entrada ao estacionamento e a súa saída). Farase un tratamento de xardinería para que recupere a zona verde, refarase a beirarrúa na actualidade desfeita polo paso de vehículos e subirase o bordo para evitar que poidan seguir entrando os coches.