Sétima Feira volve este sábado ao primeiro andar do mercado

245
  • As 14 propostas seleccionadas, entre 40 solicitudes presentadas, ocuparán o espazo central do andar renovado
  • Este mercado de moda e diseño é unha iniciativa da Concellería de Promoción da Cidade a prol da economía creativa e a diversificación do público da praza de abastos

Sétima Feira volve ao 1o andar do mercado de abastos, “ao espazo para o que foi pensada e onde mellor funciona”, en palabras da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías. A primeira cita co renovado espazo do mercado terá lugar este sábado, 9 de febreiro, en horario de 11.00 a 15.00 horas.

As obras de reforma do mercado levaron Sétima Feira até as Galerías Oliva o pasado mes de decembro. Agora volve ao mercado, onde estreará unha nova disposición: os postos estarán no espazo central e o fluxo de xente canalizarase polos laterais. “Daranos unha idea aproximada de como vai quedar” apuntou a concelleira, a falta de dispór do novo mobiliario e dalgún remate da obra pendente.

Arte, moda, gastronomía, música e actividades infantís teñen cabida en Sétima Feira, un mercado alternativo que naceu e mantén un dobre obxectivo, segundo a concelleira Anabel Gulías,: apostar pola economía creativa e diversificar o público da praza.

Corenta solicitudes chegaron ao Concello para participar na recuperada Sétima Feira do mercado e foron 14 as propostas seleccionadas:

  • Patasdepeixe editor
  • Alén das olas
  • Estilo Puratiti
  • La madrina de Candel
  • Sheela Tato
  • Iria Prol Studio
  • Sipinopi
  • Pontevedra Rugby
  • Club  Fillos do mar
  • EneroByNuria
  • Cinza
  • Lia B
  • Muchachicha
  • Sopa de nuez

Ademais de mirar e comprar nos postos de venda, a xente que acuda a Sétima poderá gozar da música – sesión picadiscos con Bety de la Church durante a mañá e concerto de King Cabra, ás 13.00 horas- e da gastronomía -da man de Elefantas de Cacharrería e Cervexa Nasa-.

Polo que respecta ás actividades infantís, haberá catro quendas de obradoiros: ás 11.00, 12.00 13.00 e 14.00 horas. Son de balde mais precisan inscrición no correo setimafeira@pontevedra.gal

No obradoiro os nenos e nenas aprenderán diversas técnicas manuais de ilustración e reprodución gráfica, utlizando como ferramentas distintos materiais reciclados de uso común no fogar. Como resultado obterán unha ilustración a toda cor que poderán levar consigo en diferentes soportes: papel, cartóns reciclados ou unha camiseta.

Ademais xa está aberta a convocatoria de todas as propostas para o mes de marzo.