Sintonía entre Pere Navarro e a Rede de Cidades que Camiñan: sobran coches nas cidades

13
  • A recente regulación de zonas 30 nas cidades, un primeiro paso para que o normal no espazo urbano sexa esa limitación.
  • Lores: “É un pracer axudar a que as cidades sexan máis das persoas”.

O diagnóstico de que o exceso de coches nas cidades é o principal freo á mellora do espazo público e a seguridade viaria foi compartido esta mañá na xuntanza que o director xeral de Tráfico, Pere Navarro, mantivo co presidente e a secretaría técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores e Ana Montalbán. Acompañaban ao director dous dos seus principais colaboradores, Miguel Villalba e Álvaro Gómez.

Era a carta de presentación da Rede ante a DGT en vistas a colaborar nas reformas legais necesarias para a consideración do peón como protagonista principal do espazo público urbano, limitando o espazo urbano motorizado exclusivamente aos usos necesarios para que a cidade funcione, deixando para os peóns os espazos que agora ocupan os coches que inútilmente invaden as cidades.

O director xeral confiou en que camiñar era o sistema de desprazamento que máis adeptos gaña na actualidade, de tal maneira que está creando tendencia en canto á mobilidade, e para iso hai que mellorar moitas cousas nas cidades, como os sistemas de aparcamento e as velocidades. Neste sentido, considerou que a recente normativa de reducir a 30 km/h máximo a maioría das vías urbanas era “o primeiro paso”, necesario para chegar a conseguir as cidades 30 que reclama a Rede —que o normal sexa 30, con algunha excepción que poda definirse para pemitir 50 km/h como máximo—.

En canto ao sistema de aparcamento, o director mostrou moito interés pola experiencia pontevedresa do estacionamento de servizos, que permite 15 minutos gratuítos para realizar calquera servizo ou xestión na que o coche sexa imprescindible, o que reduciría considerablemente a densidade de autos nas rúas e prazas urbanas, liberando o espazo e axilizando o tráfico a motor que resulta necesario para a calidade de vida dos residentes, o abastecemento dos negocios, repartos, urxencias, etc.

Tamén mostrou o apoio á Rede en canto á consideración da beirarrúa como un espazo exclusivamente peonil, na que non deben estacionar motos ou circular artiluxios de desprazamento motorizado ou patinetes que podan supoñer un perigo para quen camiña. Diferente consideración poden ter as rúas de tráfico compartido entre distintos modos, espazos que deben garantir sempre a prioridade peonil.

En canto aos carrís bici ambas partes consideraron que non son precisos en espazos urbanos co tráfico calmado e limitado a 30 km/h, xa que a bici pode circular pola calzada sen riscos. En canto aos carrís bici en espazos aínda embrutecidos polo tráfico e sen limitacións de 30, en calquera caso non deben compartir a beirarrúa limitando espazo peonil.

En declaracións posteriores aos medios, o presidente da RCqC e alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, dixo que resultaba moi positivo para a cidade “ir por diante demostrando que as cidades poden ser doutra forma, que é posible recuperar a calidade urbana para vivir mellor, e axudar a que todas as cidades do estado sexan máis para as persoas que para os coches”.

COMPARTIR