O concerto ‘Contrariadas’ de Martirio e Mónica de Nut o 3 de marzo no Principal abre o programa do 8-M

45
  • As entradas están xa á venda a partir de 15€ máis gastos en Ataquilla.com e Casa da Luz
  • Unha campaña de cartelaría, a charla con Yolanda Díaz ou a feminización dos espazos públicos da cidade entre as accións que o Concello levará a cabo en marzo

A concelleira de Igualdade e Cultura, Carme Fouces, presentou esta mañá o que será o segundo concerto do ciclo ‘Contrariadas’ e avanzou parte das actividades do Concello de Pontevedra para o próximo mes: “Marzo é un mes moi activo a nivel social e dende o Concello acompañamos este fervedoiro de actividades feministas coa nosa programación”.

Protagonizado desta volta por Martirio e Mónica de Nut, mantén a súa liña de achegar mulleres artistas cargadas de estilo e personalidade. “Pertencentes a épocas diferentes, pero ámbalas dúas cunha forza vocal e interpretativa indescriptibles, representan á perfección a esencia do ciclo: O espírito da contradicción. Iso é o que adoitan dicirnos cando loitamos polos nosos espazos ou queremos facer visibles as cuestión propias”, comentou Carme.

Martirio é unha das grandes da música peninsular que vén de presentar o seu traballo ‘Antología’. Defínese a si mesma como “unha especie de arqueóloga musical”, cunha imaxe enigmática e sofisticada é unha artista viva, sempre curiosa, moderna e vanguardista como poucas, que enche as súas representacións de creatividade, fantasía, imaxinación e cultura a raudales.

Pola súa banda, Mónica de Nut (voz e electrónica) e Luís Martíns (arpa e electrónica), veñen de gravar o disco ‘Raíces aereas’ onde o elemento inspirador son as gravacións dos anos 50 de cantos de mulleres que transmiten toda a forza ancestral galega. Cantos crus, vitais e poderosos, conéctannos á raíz de saber de onde vimos e cal é a nosa esencia.

Fouces destacou que “para maior goce do público, teremos a sorte de escoitalas tamén en conxunto, xa que nos agasallarán con un par de temas preparados para interpretar a dúo nesta ocasión. Coñecéronse noutros foros e tiñan ganas de traballar xuntas”.

As entradas están xa á venda en Ataquilla.com e a Casa da Luz a un prezo de 18€ + gastos (15€ + gastos para estudantes, parados e xubilados).

Dentro do ciclo Contrariadas, poderemos gozar tamén o 14 de marzo ás 20:00 horas na Casa da Luz dunha charla da man de Yolanda Díaz, “unha muller brava, vencellada ao nacionalismo e á figura de Castelao, pertencente a unha familia de ideoloxía republicana represaliada tras a Guerra Civil. Emigrada a Uruguai, foi durante 10 anos a única muller entre 126 homes traballando o Banco de Galicia en Montevideo. Coido que é unha voz que aos seus 82 anos, paga a pena escoitar” sinalou Carme.

Estas serán so as primeiras das actividades que promoverá o Concello no mes da muller,  xa que están pendentes de presentar a cartelaría e merchandising para o 8M e un programa coordinado coa Deputación de Pontevedra que se coñecerá nos próximos días.

O Concello facilitará mediante un servizo de transporte en autobús a asistencia á manifestación feminista do 3 de marzo en Lugo. As inscricións realizaranse a partir do 25 de febreiro no CIM.

Ao longo do mes, no que a concelleira agarda poder anunciar o 4º Plan de Iugaldade, xa que “os traballos van a bo ritmo pero son traballos complexos”, retomarase nas parroquias o ‘Somos quen’ que oferta cursos para as mulleres no rural e o plan de feminización dos espazos públicos da cidade, dentro do que haberá un acto de homenaxe a unha figura feminina aínda por coñecer.