RadioTaxi traslada ao Concello información sobre servizos e tráficos para pór en marcha o transporte a demanda

47
  • Xunto con técnicos municipais visita as instalacións para coñecer en directo o seu funcionamento
  • O transporte a demanda está entre as iniciativas municipais cofinanciadas polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

PO concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, acompañado de técnicos municipais, achegouse esta mañá ás instalacións de RadioTaxi para coñecer persoalmente o funcionamento do servizo e o programa que xestiona os seus contactos, reservas e tráficos dos vehículos co fin de “saber que información poden fornecer que sexa interesante para formular o transporte a demanda que estamos intentando pór en marcha”, indicou o concelleiro.

José Crespo, presidente da Asociación Provincial do Taxi, fixo de anfitrión e incidiu na boa disposición do sector para colaborar no proxecto do transporte a demanda onde ven unha oportunidade de mellorar o servizo aos veciños e veciñas ao tempo que unha posibilidade de ampliar o volume de negocio.

O Goberno local está a dar os primeiros pasos cara a implantación do transporte a demanda. Após dun primeiro encontro cos taxistas de presentación das liñas xerais do proxecto a semana pasada, hoxe formulou peticións concretas de información como mapas zonais e tráficos dos taxis no municipio (horarios, destinos, demanda…). Os técnicos municipais cruzarán estes datos con outros demográficos e técnicos para ver a viabilidade de coordinación.

O transporte urbano ten que adaptarse as demandas e necesidades dos veciños e veciñas e ten que ser unha resposta do século XXI. Con este horizonte por diante o Concello de Pontevedra está a dar os primeiros pasos cara a implantación dun modelo de transporte colectivo, a demanda, mediante vehículos de baixa capacidade (de nove prazas ou menos).

O sector do taxi conta na cidade con 89 vehículos (licenzas) e emprega a arredor de 110 persoas. Nesta flota hai vehículos de até 7 prazas.

O proxecto de transporte a demanda desenvolve o Obxectivo 4.5.1 da Estratexia 2020 Europea, mediante o “Fomento da mobilidade sostible: transporte urbano limpo, transporte colectivo, conexión urbana-rural, melloras na rede viaria, transporte ciclista, peonil, mobilidade eléctrica, e desenvolvemento de sistemas de fornezo de enerxías limpas; dentro do campo de intervención (CI047/CE044) Sistemas de transporte intelixentes”.

Trátase da implementación dun medio de transporte público baixo demanda entre a poboación residente en núcleos de baixa densidade, fundamentalmente. Este servizo favorecerá a mobilidade á carta, facilitando o transporte a onde se determine, no momento que se demande, compartindo a viaxe con outros pasaxeiros con traxectos similares, en vehículos de baixa capacidade, articulado, preferentemente, a través do servizo de taxi. Priorizaranse os desprazamentos a equipamentos socio-sanitarios e de carácter asistencial.

Este sistema de transporte estará orientado principalmente á poboación de núcleos de baixa e media densidade de Pontevedra e a colectivos con posibilidades de mobilidade reducida (poboación da terceira idade, poboación infantil e xuvenil, etc.).

O proxecto conta cun investimento aproximado de 300.000 euros, do que o 80% corresponde ao financiamento a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER 2014-20). Incluíndo neste investimento as axudas para implementar solucións tecnolóxicas.

A análise e avaliación de experiencias de transporte a demanda doutros lugares (implantadas e tamén fracasadas) guiará a definición do sistema en Pontevedra.