A primeira fase do saneamento de Verducido, en marcha

44
  • A Xunta de Goberno Local aproba esta primeira fase que ten un orzamento superior aos 2,4 millóns de euros. Obrigará a retirar a canalización primaria da década dos noventa; instalar 255 pozos de rexistro e renova o colector existente.
  • Tamén se aprobou o proxecto da Porta Grande que levará estándares urbanos a esta rúa periurbana.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá os dous primeiros proxectos de saneamento que se financiarán a cargo das melloras incluídas no contrato da auga, que foi adxudicado a finais do pasado ano á empresa Viaqua. Son os proxectos de Porta Grande e a primeira fase da parroquia de Verducido. En total, máis de 2,5 millóns de euros que poderán comezarse este mesmo mes.

Sobre o proxecto da Porta Grande, paralela á Conde Bugallal e perpendicular á rúa do Monte, ten un orzamento de 125.876,74 euros e un prazo de execución de 2 meses. Aproveitando a instalación do saneamento desta zona periurbana, tamén se reurbanizará toda a rúa, que ten unha superficie duns 160 metros lineais, coa creación dunha plataforma única e a instalación de nova iluminación pública. Farase, polo tanto, o mesmo tratamento que se lle está a dar a calquera outra rúa urbana da cidade.

O outro proxecto que aprobou hoxe a Xunta de Goberno é a primeira fase do saneamento da parroquia de Verducido, que dará servizo a unhas 100 vivendas dos lugares situados antes da igrexa (Outeiriño, Verducido…), a máis próxima a Pontevedra. O investimento é de 2.428.932,77 euros.

Neste proxecto será necesario retirar boa parte da rede primaria que se fixera nos anos 90 na parroquia e que nunca se chegou a utilizar. Ademais, instalaranse 8.201 metros lineais de tubaxe de 315 ou 200 mm, 255 pozos de rexistro, e renovar o colector existente.

Os proxectos foron executados pola empresa concesionaria (Viaqua), tal e como recollían os pregos da adxudicación; supervisados polos técnicos municipais e está pendente de presentar os plans de seguridade e de xestión de residuos, e designar o coordinador de obra, para poder iniciala.

A segunda fase do saneamento da parroquia de Verducido tamén está en marcha. A empresa xa traballa na redacción do proxecto que dará servizo a 309 vivendas e terá un orzamento próximo aos 2,3 millóns de euros.

COMPARTIR