Aprobada a licitación do novo Local social dos Campos

54
  • Rehabilitarase a antiga escola unitaria cun orzamento de máis de 536.000 euros.
  • O prazo de execución é de 5 meses.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá abrir a licitación do Local social dos Campos, na parroquia de Mourente, que se acondicionará nas dependencias da antiga escola unitaria. O obxectivo é ir conformando o novo núcleo parroquial de Mourente, nos Campos onde están as pistas de petanca, o novo Local Social e estará perfectamente conectado coa cidade a través da nova vía proxectada pola Deputación Provincial. 

A licitación terá un prezo de 536.423,53 euros e un prazo de execución de 5 meses. 

O edificio son dúas estruturas distintas e construídas a distintas alturas: a casa dos mestres e a escola, coas que se fará unha gran aula. Estará separada por portas abatibles e un corredor polo medio que servirá de conexión entre ambos lados do edificio. No caso de ser preciso retíranse as portas e créase unha gran aula cunha cabida para unas 80 persoas sentadas ou 120 de pé, ou ben dúas aulas independentes. En todo caso, está pensada para facer distintas actividades como cociña, conferencias, exposicións…

Tamén haberá unha dotación de oficinas e almacén, e farase un módulo de baños fóra do edificio pero conectado con este cun corredor acristalado.

Finalmente, o edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre. E está incluído no proxecto o acondicionamento da contorna.

O inmoble ten unha superficie construída de 263 metros cadrados e a súa rehabilitación levará aparellada unha actuación na contorna.