O Concello habilitará un estacionamento de bordo en Valdecorvos

600
  • Estará asfaltado e debidamente sinalizado para dar servizo
    a 200 vehículos. 
  • Está situado a menos de 10 minutos camiñando de todos
    os puntos comunitarios do barrio, e foi ben acollido pola asociación de comerciantes de Loureiro Crespo.

O Concello acaba de activar a creación dun novo estacionamento de bordo na cidade. Nesta ocasión será no barrio de Valdecorvos, na actualidade o barrio máis populoso de Pontevedra.

Acondicionarase na parcela que se tiña ofrecido á Consellería de Educación para a construción dun novo centro escolar na cidade. Será un aparcamento asfaltado, con sinalización horizontal e vertical, debidamente habilitado para acoller a 200 vehículos; unha capacidade que se sumará ás preto de 150 prazas que existen nas rúas do barrio.

O concelleiro de Mobilidade e Obras, Demetrio Gómez explicou esta mañá que o estacionamento poderíase facer máis grande pero se optou por esta medida para apartalo do río Valdecorvos e non influír neste espazo natural.

Este parking en superficie e de balde foi previamente consensuado coa asociación de comerciantes de Loureiro Crespo que acolleron ben a idea, xa que se atopa a menos de dez minutos camiñando a distintos puntos do barrio (Loureiro Crespo, Castañal, Centro Leste ou Cemiterio). Dende a Concellaría xa se traballa cos establecementos deste barrio para adoptar medidas de dinamización do comercio, que vivirá unha substancial transformación coa reurbanización de Loureiro Crespo.

As obras, cuxo orzamento aínda está por pechar pero se podería aproximar aos 90.000 euros, poderán estar en marcha nos vindeiros dous meses.

Tempos a pé dende o novo estacionamento de bordo en Valdecorvos.
COMPARTIR