O Salón do Libro de Pontevedra presenta o II Congreso Internacional de Mediación Lectora, do 27 ao 30 de marzo

71
  • Especialistas en literatura infantil, ilustración ou novas tecnoloxías, tales coma Marina Colasanti, Roger Melo ou Lucas Ramada, daranse cita en Pontevedra coa revolución como premisa.
  • Dende Angola, Brasil, Portugal ou Galiza achegaran os seus coñecementos a través de relatorios e obradoiros a docentes, alumnado e profesionais do mundo da mediación
  • A boa resposta da pasada edición motivou ampliar a duración nun día e o aforo ata as 150 prazas, con inscrición a partir do 11 de marzo na web do Salón.

A concelleira de Igualdade e Cultura, Carme Fouces, presentou esta mañá o II Congreso Internacional de Mediación Lectora que dende o ano pasado é unha peza fundamental da programación do Salón do Libro Infantil  e Xuvenil de Pontevedra no que a formación se refire. Fíxoo na compaña de Eulalia Agrelo, docente e investigadora da Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra de Universidade de Vigo responsable xunto á organización do Salón da elaboración do programa.

A iniciativa que “dá resposta á necesidade de formación por parte do profesorado e alumnado interesado no eido da literatura infantil e xuvenil que intuímos o ano pasado e que se confirmou coa boa resposta obtida. A aceptación foi tal que este ano decidimos ampliar un día a formación – do 27 ao 30 de marzo-  e o número de prazas ofertadas ata un total de 150”, comentou Carme.

A revolución – lema da XX edición do Salón – e a lusofonía como cultura convidada serán tamén os eixos do congreso grazas á presenza de figuras internacionais de renome como Marina Colasanti, Roger Melo (Premio Andersen de Ilustración), André Neves ou Volnei Canónica (Brasil), Zetho Gonzçalvez (Angola) ou Ana Pessoa ou José Antonio Gomes entre outros dos chegados dende Portugal.

Todos/as eles/as e moito/as máis pasarán xunto a figuras da casa como Rosa Aneiros ou Carlos Negro para compartir as súas experiencias neste este congreso que segundo sinalou Carme Fouces destaca “por ir máis aló dos relatorios e ter unha formación de carácter práctico grazas aos obadoiros que impartirán estas primeiras figuras de relevancia nos eidos da literatura, a ilustración, o teatro e ate os videoxogos xa que non estarán so presentes os xeitos máis tradicionais da animación á lectura senón que cobrarán gran protagonismo as novas tecnoloxías.

Antes de ceder a palabra a Eulalia Agrelo a Concelleira destacou a ledicia do Concello de traballar man a man coa Universidade, xa que “proxectos e colaboracións como esta trasladan e actividade cara fóra da Universidade”. Ao respecto na súa intervención, a docente quixo dar as grazas ao Concello por “abrir a porta a colaboración directa nun proxecto desta magnitude. Coido que hai tempo que en Galicia non se dan cita persoas deste renome cunha dilatada experiencia. Vai ser moi enriquecedor para todas as partes participantes.”

Sobre o plantexamento do programa, Eulalia comentou que “responde á necesidade tanto nas aulas como a nivel social de trazar itinerarios lectores competentes – que reflexionen ou debatan a partir dun texto –  xa que na actualidade e en parte polas novas tecnoloxías, lemos máis pero a competencia lectora diminúe. A literatura infantil e xxuvenil é a base, xa que vai dirixida á configuración dos mesmos. É un congreso destinado a profesorado en exercicio e formación pero tamén á figuras da medición como bibliotecarios/as e libreiros/as.”

O prazo de inscrición tanto para docentes como para estudantes e mediadores en xeral, abrirase o día 11 de marzo a través do formulario da propia web do Salón www.salondolibro.gal