O programa ‘As Mulleres que opinan son perigosas’ regresa ao Teatro Principal os días 1 e 2 de marzo

106
  • A iniciativa das xornalistas Susana Pedreira e Diana López, coordinadoras do programa, consolídase nesta segunda edición promovida polo Concello coa colaboración da Deputación.
  • Pepa Bueno, Ana Romaní, Gemma Herrero, Lucía Mbomio ou Towanda Rebels entre outras, contarán a súa experiencia no mundo da opinión xornalística en diferentes ámbitos
  • As xornadas serán o pistoletazo de saída aos diferentes actos que terán lugar en torno ao 8M

O Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernandez Lores presentou esta mañá a segunda edición do programa ‘As mulleres que opinan son perigosas’. Fíxoo acompañado da Presidenta da Deputación, Carmela Silva e as creadoras e coordinadoras do proxecto, as xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela.

Tal e como comentou o Alcalde, o primeiro encontro, celebrado o ano pasado, “deixou pouso e nesta edición pasamos a consolidar un proxecto pioneiro na loita feminista e a súa visibilización”. Unha loita que respalda pero considera, “debe ser encabezada por mulleres”. Lores destacou o feito de que Pontevedra estea na vangarda á hora de reivindicar os dereitos da muller e que o Teatro Principal sexa o escenario deste necesario debate, posible grazas ao compromiso das xornalistas que o levan a cabo e á colaboración da Deputación.

Diana López agradeceu as facilidades para levar a cabo este proxecto que “xurdiu o ano pasado como una edición única para manifestarse polo ‘II Congreso Capital do Columnismo celebrado’ en León que deixaba fóra as mulleres xornalistas. A deste ano xorde da necesidade das mulleres de exercer a opinión e visibilizar o seu traballo e a necesidade do público de atoparse con estas mulleres”

No que respecto ao programa en debullado por Susana Pedreira, contará coa presenza de Pepa Bueno, Gemma Herrero, Ana Romaní, Tati Moyano, Towanda Rebels, Marta Sanz, Lucía Mbomio, Irene Bascoy, Carmen Magdaleno, Chus Gómez Dorrego, Lorena G.Maldonado, María Xosé Porteiro ou Tareixa Navaza. “Non repetimos ninguna xornalista para amosar que hai profesionais abondo e non hai necesidade de repetir cartel. Ademais quixemos que estiveran representados ámbitos como xornalismo deportivo a través de Gemma Herrero, a opinión das mulleres negras con Lucía Mbomio e que tiveran cabida os novos formatos de opinón como os blogs, as redes ou Youtube e referentes na loita feminista”.

Susana Pedreira reflexionou tamén sobre o que pasou dende o ano pasado, salientando o nomeamento de Ana Requena como redactora de xénero en El País ou a creación do colectivo Xornalistas Galegas.

Na súa intervención Carmela Silva destacou diferentes datos que amosan a necesidade de visibilizar o traballo das xornalistas e agradeceu a Diana e Susana o seu traballo así como á Concelleira Carme Fouces a labor de poñer en marcha iniciativas desde xeito.

O evento, que o pasado ano xerou preto de 21.000.000 impactos en Twitter grazas a súa retransmisión en streaming, terá lugar os días 1 e 2 de marzo, pretende abrir as portas aos actos en torno ao 8M.

A inscrición, de balde, está aberta a través da web do Concello, onde podedes atopar tamén o programa completo e as biografías das relatoras.

COMPARTIR